Un gran Celta B cae en Cartagena e pecha unha tempada histórica (1-0)

Gran partido do Celta B, que topuo cun gol de falta en contra aos catro minutos e un muro despois. Moitas faltas, perdas de tempo e unha férrea defensa impediron que o filial puidese anotar o gol que lles daría o pase, malia que gozaron de ocasións dabondo para logralo. O Cartagena accedeu á última eliminatoria da fase de ascenso e o filial quédase cunha magnífica tempada na que. de novo, fixo historia.

Vinte segundos e primeiro remate con perigo do filial. Juan Hernández cazou un centro e despexou Pau Torres no primeiro pau. Pero aos 5 minutos, falta na frontal e golazo de Gaspar. Tremendo varapalo para o Celta B ante un rival que enseguida replegou para protexer a súa vantaxe. Os celestes intentárono con paciencia e, tras varias chegadas,  aos 40 minutos, un remate de Dennis rozou o pau da portería local na mellor ocasión do filial na primeira metade.

Moita posesión do Celta, numerosas interrupcións por parte do Cartagena, sobrado de ‘oficio’ e tranquilidade para os porteiros. Ao bordo do descanso, claro penalti sobre Dennis non sinalado. E no desconto, gran parada de Sotres tras un cabezazo desde dentro do área. Foi unha primeira metade de claro dominio do cadro de Rubén Albés decantada por un magnífico lanzamento de falta.

Tralo descanso, o Cartagena tratou de alargar as súas posesións e arrefriar o partido. O Celta B intentaba axustar a súa presión, con dificultades, para roubar, pero os quince primeiros minutos foron de dominio local, coas consabidas perdas de tempo.

O filial recuperou o coiro e foise cara a adiante. O Cartagena centrouse en frear a Brais a golpes, cortar o xogo e defender o seu portería. O cadro vigués empuxou con todo, xerou ocasións, pero non puido. Dennis rematou fóra no área un rexeite do porteiro a falta de dez minutos. Quedouse a un gol de superar a eliminatoria. Tempada fantástica do Celta B sen premio.

1-FC Cartagena: Pau Torres, Ramírez, Moisés Garcia, Mejías, Jesús Álvaro, Cordero (Diego Benito, min.17), Chavero, Ruibal (Owusu, min.58), Rubén Cruz, Gaspar (Hugo Rodríguez, min.73) e  Aketxe

0-Celta B: Sotres, Kevin, Alende, Ros, Agus (Pastrana, min.78), Rai (Dani Molina, min.86), Álex, Brais, Juan Hernández, Drazic (Aarón, min.84) e Dennis

Goles: 1-0, min.5: Gaspar

Árbitro: Fernández Vidal, do comité valenciano. Amonestou a Ros, Álex, Dennis, Ruibal, Ramírez, Mejías, Owusu, Chavero, Duego Benito

Campo: Cartagonova