3.000 abonados por renovar a dous días para finalizar as condicións especiais

A campaña de abonados do RC Celta para a ilusionante tempada 2018/19 avanza cara ao final da súa primeira fase, a que permite renovar ou darse de alta cunhas condicións especiais. Este venres 20 de xullo será o último día para aproveitar un 5% de desconto (acumulable a outros ata un 15%) e a exención de suplementos nos partidos sinalados como Días de Club, unhas vantaxes que non se prorrogarán máis aló da data indicada.

Con tan só dous días máis de condicións especiais, uns 3.000 abonados aínda non xestionaron a renovación do seu abono e, sen contar os canés Miudiño, gratuítos para menores de 5 anos; rexistráronse ao redor de 1.000 novas altas para a tempada 2018/19.

A nova bancada de animación, situada en Río Lateral por elección da afección, si presenta uns datos notables. Nestes momentos o aforamento desta zona do estadio alcanza un 70% de ocupación.

O club fai un chamamento a abonados e afeccionados para que acudan canto antes aos despachos de billetes do estadio, abertas en horario ininterrompido de 10:00 a 20:00, para tramitar o seu abono dentro do prazo de condicións especiais. A información completa sobre a campaña de abonados 2018/19 pode atoparse na web www.haimotivos.rccelta.es