75 nenos/as participaron no V Campus Fundación Celta-Rubén Blanco que remata hoxe


A iniciativa deportiva foi clausurada esta mañá no Campo de Fútbol de Cototorrón pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e o director da Fundación Celta, Germán Arteta, coa presencia do presidente do Club Louro Tameiga, Patricio Farrapeira

 

Esta mañá clausurouse oV Campus Fundación Celta-Rubén Blanco. O acto de clausura, con entrega de diplomas acreditativos aos/ás participantes e sorteo de agasallos, celebrouse ás 12.00 horas no Campo de Fútbol de Cototorrón coa asistencia de Nidia Arévalo, alcaldesade Mos, Germán Arteta Torres, director da Fundación Celta, Patricio Farrapeira, presidente do Club Louro Tameiga (en cuxo campo se realizou o campus), e o concelleiro mosense, Luis Alonso.

 

O Campus desenvolveuse do día 2 ó 6 de xullo no Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga. O horario de desenrolo deste campus de fútbol infantil foi de 10.00 horas a 14.00 horas da mañá, cun descanso para comer algo e beber auga para hidratarse.

 

Ó inicio do campus os rapaces participantes (con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos) recibiron a equipación composta por calcetíns, pantalón e camiseta. Ademais hoxe premiouse aos dous participantes máis destacados cun adestramento na Madroa xunto cos nenos das Categorías Inferiores do Celta.

 

A metodoloxía que utilizaron os monitores da Fundación Celta de Vigo neste Campus baseouse no traballo de catro áreas fundamentais: coordinación, técnico-táctica, multideporte, e competición. O sistema para impartir a formación ós xogadores é rotativo, de xeito que ó longo da mañá tódolos cativos participantes no campus vaian pasando polas catro diferentes áreas de traballo.

 

Esta metodoloxía é a mesma que se emprega nas categorías inferiores do Real Club Celta. Ademais a formación especializada deste campus está impartida por adestradores da canteira do Real Club Celta.

 

Os pequenos participantes nesta iniciativa recibiron tamén ó longo desta semana do campus charlas sobre os valores no deporte e como inculcarllos ós xoves deportistas, e nutrición e hábitos de alimentación saudables. Trátase pois dunha actividade perfectamente equilibrada entre o lúdico e o formativo sen deixar de lado a educación en valores. E é que mediante a celebración deste campus preténdese empregar a práctica deportiva entre os máis xoves como ferramenta transmisora de valores como son a solidariedade, creatividade, traballo en equipo, sacrificio, superación, respecto, humildade e compañeirismo.

 

Os obxectivos deste campus son, segundo explicou Nidia Arévalo, rexedora local mosense, “facilitar ós pais e nais mosenses a concienciación da vida familiar e laboral unha vez iniciadas as vacacións estivais dos máis pequenos, fomentar a práctica do deporte nas idades máis temperás, así coma educar ós cativos participantes en valores e promover hábitos alimenticios saudables e equilibrados”.