96 anos de afouteza: o RC Celta avanza con canteira, ilusión e firmeza cara ao seu centenario

Foi unha tarde de agosto de 1923. O RC Celta nacía tal día como hoxe de hai 96 anos, unha xornada histórica na que Real Fortuna e Sporting Vigo uniron as súas forzas para crear un club chamado a representar non só á cidade, senón a tódolos galegos. Foron 96 anos nos que o club e a súa afección gozaron e sufriron, cos seus mellores e peores momentos, pero sempre coa cabeza alta e orgullosos do que a entidade celeste representa.

O 96 aniversario chega nun momento moi ilusionante, co equipo en Primeira División por oitava tempada consecutiva, un proxecto deportivo baseado na canteira e unha institución saneada no económico e con ambiciosos proxectos como o da nova cidade deportiva. Desde o club celebramos esta data sinalada con quen forman parte da familia celtista, desde afeccionados até técnicos, xogadores e empregados; cun especial e agarimoso recordo a todos os que, durante estes 96 anos e aínda que xa non estean connosco, axudaron a construír este gran RC Celta, que avanza con ilusión e firmeza cara ao seu centenario.

ALA CELTA!