A app das cantinas de Balaídos amplía o seu servizo a toda Tribuna e Río

A aplicación móbil das cantinas de Balaídos amplía a súa cobertura a toda a bancada de Tribuna e Río. Con este novo servizo, os afeccionados poden realizar e pagar o seu pedido desde o teléfono móbil, sen necesidade de desprazarse e facer cola, xa que unha vez completada a solicitude a través da aplicación, recibirán a súa comanda nos seus asentos o máis axiña posible.

O pedido realízase a través da App Seatgood, desenvolvida por unha empresa viguesa, que se pode descargar tanto para Android como para iOS nas plataformas habituais. Nesta app e unha vez seleccionado o estadio de Balaídos e a bancada, o usuario terá acceso á totalidade dos produtos que se serven nas cantinas, así como a novos combos especiais ideados para poder seleccionar varios artigos cun só click. Unha vez finalizado o proceso de selección, os afeccionados facilitarán os datos do seu número de fila e asento e realizarán o abono a través dunha pasarela de pago.

Os pedidos deben realizarse antes do minuto 20 de cada parte e no caso da segunda metade unha vez finalizado o descanso. O club confía en que o servizo prosiga a súa boa marcha e que no futuro poida estar operativo en todas as bancadas.