A constancia ten premio: Kevin debutou co RC Celta en partido oficial

O traballo, a constancia e a actitude terminan por dar a súa recompensa. Kevin Vázquez, canteirán celeste, líder do filial durante anos e, desde esta tempada, xogador do primeiro equipo, viviu ante a Real Sociedad o seu debut co RC Celta en partido oficial. O lateral de Nigrán, de vinte e cinco anos de idade, foi titular e completou os noventa minutos do encontro de Copa do Rei.

Tras o partido, o xogador mostrouse feliz por cumprir unha meta pola que «levaba pelexando durante moitos anos» e o adestrador celeste Antonio Mohamed, na súa rolda de prensa, referendou a sobresaliente actuación de Kevin: «Fixo un partidazo con todas as letras, deixouse a vida en cada balón. Demostrou estar á altura de Primeira División».