A enerxía da afección, concentrada en ‘A Nosa Reconquista’ con iniciativas para arroupar ao equipo

O RC Celta pon en marcha de cara ao partido do sábado ante o Villarreal varias iniciativas encamiñadas a canalizar e amplificar a poderosa enerxía dunha afección que unha vez máis ofreceu unha exemplar resposta para abarrotar ABANCA Balaídos e unha inmellorable disposición a empuxar ao equipo cara á vitoria.

Ás 16.45 horas terá lugar, coa coordinación da Federación de Peñas do club, un recibimento multitudinario ao equipo, unha iniciativa que sempre inxecta ánimo, fe e confianza aos xogadores celestes.

O club anima aos afeccionados a que antes das 18.00 horas accedan ao interior do estadio para trasladarlle o seu apoio aos xogadores no quecemento e para amplificar ao máximo tanto a aliñación celeste como o himno. Para premiar aos máis ‘madrugadores’, nas 21 portas de acceso haberá un total de cinco mil bufandas conmemorativas de ‘A Nosa Reconquista’ que se entregarán por orde de chegada e ata final de existencias. Para redondear o ambiente, antes do partido despregarase un tifo na Bancada de Río co lema desta campaña.

Lanzadeiras desde o Casco Vello
Para que os afeccionados celestes que estean na festa da Reconquista non se perdan o recibimento ao equipo, o club establecerá, en colaboración con Monbús, un servizo gratuíto de lanzadeiras desde o Casco Vello (Rotonda C.C. A Laxe). O horario das lanzadeiras será de 15.00 a 17.00 cunha cadencia de 15 minutos.

Desde este xoves, os seguidores celestes poderán descargarse a app oficial do club para seguir toda a actualidade do equipo e o minuto a minuto de ‘A Nosa Reconquista’ do sábado