A Fundación Celta chama ao celtismo a doar o seu “Sangue Celeste”

A Fundación Celta e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) presentaron esta tarde “Sangue Celeste”, unha iniciativa especial que convida a todos os seguidores e seguidoras do equipo vigués a amosar o seu carácter solidario efectuando unha doazón de sangue.

Esta tarde, a directora de ADOS, Marisa López García, e o director da Fundación Celta, Germán Arteta, visitaron a unidade móbil da Axencia que visitou a zona da Travesía de Vigo e amosáronse convencidos do éxito desta nova campaña que se desenvolverá en toda Galicia entre os días 19 de marzo e 15 de abril. Todas as persoas que acudan a doar, tanto ás unidades móbiles como aos locais de doazón, recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa desta campaña, ata esgotar a tirada de 5.000 unidades dispoñibles.

Información e sensibilización
ADOS quere amosar o seu agradecemento á Fundación Celta pola súa implicación co labor de sensibilización a prol da doazón que supón a campaña “Sangue Celeste” e que supón un importante esforzo a nivel informativo e de concienciación social. Durante o periodo desta iniciativa, emitirase un anuncio sobre a importancia de doazón de sangue no videomarcador dos partidos que o RC Celta dispute en Balaídos, así como unha cuña especifica realizada para a campaña “Sangue Celeste” na megafonía do estadio.

Ademais, no transcurso do encontro que o Celta disputará esta fin de semana fronte ao Málaga, un equipo de preto de 40 voluntarios e voluntarias distribuirán entre os asistentes un folleto informativo convidándolles á doar sangue. Ademais, un xogador do RC Celta gravará un video convidando á afección a doar sangue e que será dfundido en redes sociais de ADOS e da Fundación.

Precedente de éxito
ADOS e a Fundación Celta teñen colaborado en distintas ocasións ao longo dos últimos anos, pero foi en marzo do 2016 cando se desenvolveu a campaña “Imposible sen ti” que supuxo todo un éxito de participación e que acadou 1.167 doazóns, dobrando a participación con respecto á media habitual do mesmo periodo do ano anterior.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere transmitir o seu máis sincero agradecemento á Fundación Celta de Vigo e a todos os integrantes da familia celeste por colaborar xenerosa e altruístamente no desenvolvemento desta iniciativa. Así mesmo, convida a toda a cidadanía a participar activamente e ao coñecer as distintas accións desta campaña que serán dadas a coñecer na web: ados.sergas.es e nas redes sociais de ADOS e da Fundación Celta.