A Fundación Celta colabora coa ONG “Yo lucharé por uno” en Perú

Alberto Besada e Ruth Esquivel dirixen a ONG “Yo lucharé por uno” no distrito peruano de Laredo. O labor deste matrimonio vigués céntrase en fortalecer a formación que os mozos da zona reciben no colexio. Desta maneira, Alberto e Ruth dan clases de inglés e outras materias aos mozos polas tardes e, dous días á semana, organizan adestramentos de fútbol.

Con motivo da inauguración do novo local da ONG en San Carlos-Laredo, provincia de Trujillo (Perú), e da academia de deportes “Da Silva Sport Vigo”, creada xunto ao vigués Juan Antonio Dá Silva e que actualmente conta con preto de 50 mozos, a Fundación Celta enviou material deportivo oficial do RC Celta como mostra de apoio a este ilusionante proxecto solidario.