A Fundación Celta colabora doando material deportivo ao ‘Uniraid 2020’

A pasada semana celebrouse a décima edición do ‘Uniraid’, un rally solidario de nove días polo deserto de Marrocos cuxo obxectivo é entregar un mínimo de 40 kg de material solidario nas aldeas do deserto que atopen ao seu paso ao longo de todo o percorrido.

Unha das peculiaridades desta aventura en facer o itinerario en turismos de máis de 20 anos e sen tracción ao catro rodas e vai dirixido a estudantes entre 18-28 anos co fin de transportar a maior cantidade de material solidario. A Fundación Celta colaborou doando diverso material deportivo como mostra de apoio a este proxecto.

Desenvolvemento da proba

A primeira etapa constaba de 300 km por pistas entre Meknes – Gourrama. Había que atravesar o Atlas para chegar a esta poboación. Neste pequeno pobo na entrada do deserto fíxose a entrega de 20 toneladas de material. Até o campamento achegáronse representantes da cooperativa de escolas da zona, e 200 nenos aos que se lle entregaría en man algún xoguete, roupa ou agasallo.

As seguintes 2 etapas (Gourrama – Erg Chebbi – Erg Znigui) serían 200 km polo deserto. Nelas íanse atopando pequenos poboados nos que se facían paradas para a entrega de bolsas de agasallos, pasta de dentes, balóns de fútbol….

Os dous seguintes días realizáronse 500 km de etapa maratón até chegar a Nkob, último campamento antes de chegar a Marrakech, no que varios participantes no rally organizaron un partido de fútbol cos nenos que alí se atopaban.

A proba finalizou coa chegada a Tánger nunha experiencia que leva un pouco de esperanza zonas deprimidas.