A Fundación Celta impulsa a reciclaxe na canteira e o celtismo


En estreita colaboración con Ecoembes, a organización ambiental que coordina a reciclaxe de envases en España, a Fundación Celta promove unha interesante campaña de concienciación e divulgación en materia de reciclaxe e educación ambiental. O acordo ten un dobre obxectivo: aumentar na maior medida posible a recollida selectiva dos envases de plástico, latas e briks (colector amarelo) e de papel e cartón (colector azul) e concienciar a todas as persoas vinculadas ao celtismo da importancia da reciclaxe.

A firma desta colaboración, que tivo lugar hoxe, contou coa presenza de Germán Arteta, director da Fundación Celta, e Alberto Caldeiro, xerente de Reciclaxe e Recollidas Complementarias de Ecoembes.

Así, potenciarase a recollida de residuos mediante a colocación de papeleiras e colectores amarelos nas instalacións do Estadio Abanca Balaídos e na cidade deportiva de A Madroa. Neste tipo de instalacións deportivas utilízanse gran cantidade destes envases, como botellas de plástico, latas de refresco e envoltorios de comida, de modo que, con esta iniciativa, todos estes residuos poderán ser reciclados, xa que a afección terá á súa disposición 160 papeleiras e colectores nas instalacións celestes.

A Fundación concienciará ademais aos mozos xogadores de vos diferentes equipos das categorías inferiores sobre a importancia de adquirir bos hábitos, coidar o medioambiente e separar os residuos para que se poidan reciclar posteriormente. Os futbolistas da canteira celeste recollerán os envases utilizados durante os adestramentos e nos vestiarios e depositaranos nos colectores adecuados.

Ademais das mencionadas iniciativas, A Fundación Celta e Ecoembes impulsarán outras accións para promover a educación ambiental co fin de potenciar a reciclaxe e o coidado do medioambiente.

Esta iniciativa súmase ás numerosas actividades desenvolvidas pola Fundación nos ámbitos social, deportivo e educativo. Entre elas, figuran as de doar ao longo de cada ano camisetas, bufandas, balóns, entre outros artigos, asinados polos xogadores do RC Celta para persoas, entidades ou eventos con fins sociais.

 

Sobre Ecoembes

Ecoembes (www.ecoembes.com) é a entidade sen ánimo de lucro que xestiona a recuperación e a reciclaxe dos envases de plástico, as latas e os briks (colector amarelo) e os envases de cartón e papel (colector azul) en toda España.

En 2017, recicláronse máis de 1,4 millóns de toneladas de envases lixeiros e envases de cartón e papel en todo o territorio nacional, alcanzando unha taxa de reciclaxe de 77,1%. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1,2 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar 5,8 millóns de MWh. Así mesmo, aforráronse 20,15 millóns de metros cúbicos de auga.