A Madroa, factoría do fútbol europeo

O RC Celta é un dos clubs que máis xogadores formados na súa canteira achega ao cinco principais ligas de fútbol europeo. A análise realizada por CIES, observatorio suízo de estudos futbolísticos, divídese en dúas clasificacións. Unha na que se teñen en conta 31 ligas europeas, liderada polo Ajax con 71 xogadores, e outra centrada nas 5 mellores competicións (España, Inglaterra, Italia, Alemaña, Francia) na que o Real Madrid ocupa a primeira posición aportando 41 futbolistas.

É neste segundo ranking no que aparece o club celeste, situado na trixésima posición -empatado con Ajax, Sevilla, Tottenham, Montepllier e Atalanta- con 15 xogadores formados na Madroa que actualmente militan na elite das ligas europeas. O Celta supera nesta clasificación a grandes entidades do fútbol mundial como o Liverpool, Feyenoord, Fiorentina ou Lazio entre outros. Sen dúbida un espléndido recoñecemento ao constante traballo que o club vigués leva realizando tempada tras tempada por fortalecer e desenvolver o seu proxecto de canteira.