A Sede celebra o seu aniversario con actividades e o R.Madrid-RC Celta en pantalla xigante

A céntrica sede do RC Celta cumpre o seu primeiro aniversario e o festexa cun evento aberto a todos os públicos que organizará nas súas instalacións na Rúa Príncipe o vindeiro sábado día 16 de marzo.

A xornada comezará ás 10:30 horas nun espazo de ocio de Cabreiroá con actividades dirixidas a nenos de diferentes idades no emblemático Salón Regio do edificio. Terán á súa disposición unha zona de videoxogos con consolas de varios tipos e de realidade virtual composta por simuladores de condución, máquinas de baile e fútbol con robots, por primeira vez en Vigo. Ademais, haberá outro espazo con pintacaras e ludoteca para os máis cativos. Estará aberta de 10:30 a 14:00 h e de 15:00 a 20:00 horas.

Na planta baixa do edificio, onde se atopa a tenda da Sede, terá lugar a partir das 12:30 horas unha sesión vermú dinamizada polo grupo “La Chata Soul” que ofrecerá un concerto acústico en directo para os asistentes.

A partir das 14:00 horas a todos os asistentes que acudan coa camiseta do RC Celta serán agasallados cunha tapa especial coa consumición e os que xanten na cafetería poderán participar nun sorteo de camisetas, balóns asinados e vales para o Restaurante Silabario, Clínica RC Celta e a tenda multimarca de A Sede que terá lugar pola tarde.

A festa retomarase a partir das 15:00 h, momento no que comezará a sesión dos Dj´s vigueses “Dúo Estático”. Acto seguido, ás 16:15 horas retransmitirase o partido Real Madrid-RC Celta en pantalla xigante e videowall tanto na planta baixa como no Salón Regio.

O público terá á súa disposición durante todo o evento varias zonas de comida e bebida que contarán con promocións especiais con motivo do aniversario. Asemade, convidarase a un anaco de torta aos presentes.