Accións Solidarias: gran aprendizaxe e un mar de emotividade na canteira celeste

A canteira celeste, referente de bo facer a nivel internacional, multiplica os seus esforzos en crecer e mellorar en todos os aspectos. Un dos que atesoura maior importancia para o RC Celta e a súa Fundación é a formación dos xogadores, non só como deportistas, senón tamén como persoas potenciando valores como o compañerismo e a solidariedade.

Son moitas as iniciativas que se desenvolven na Madroa co obxectivo de difundir eses valores e entre elas destaca unha recente, realizada baixo o lema “Accións Solidarias”, que supuxo un mar de emotividade e unha gran aprendizaxe para os protagonistas. Os xogadores e corpos técnicos das categorías inferiores, desde o Benxamín B ata o Xuvenil A, participaron con entusiasmo nesta iniciativa e foron os propios futbolistas e técnicos os que propuxeron e desenvolveron as actividades a realizar.

O Benxamín B organizou, de xeito conxunto co Chain CF, unha xornada lúdica-deportiva co dobre obxectivo de reunir alimentos e xoguetes para os máis necesitados e concienciar aos máis pequenos sobre as necesidades que existen hoxe en día na sociedade. A Xornada consistiu na celebración de numerosos xogos lúdicos e tradicionais e concluíu con partidos de F-8. Os alimentos e xoguetes recollidos entregáronse ao Concello de Gondomar.

O RC Celta Benxamín A gozou dunha xornada de convivencia cos integrantes do equipo de Celta Integra. Ambos conxuntos compartiron merenda, charlas sobre integración e moitos momentos de diversión e aprendizaxe para finalmente disputar un entretido partido de futbol.

O Alevín B iniciou unha campaña de recollida de xoguetes para entregarllos aos nenos de Ayuvi (Asociación de Axuda á Vida de Vigo). A experiencia foi moi emotiva e gratificante. Os xogadores celestes foron recibidos na sede de Ayuvi cun gran agarimo e viviron unha experiencia inesquecible cos nenos acollidos na mencionada entidade viguesa.

Unha experiencia de similar emotividade viviron os xogadores e técnicos do Alevín A, que acudiron ao Hogar Santa Isabel a entregar xoguetes, roupa e alimentos que eles mesmos recolleran. Unha vez alí, coñeceron as instalacións e mantiveron unha charla coas nais e nenos acollidos no fogar, Unha vivencia inesquecible.

O Infantil B realizou unha visita á entidade Ponche Solidario, onde asistiu a unha charla por parte de dúas persoas colaboradoras coa asociación e entregou alimentos e unha camiseta do club asinada polos xogadores.

O RC Celta Infantil A visitou en Campeche, México, ao modesto club Auténticos Leóns, situado nunha zona marxinal, onde se desenvolveu un pequeno Clinic. A actividade comezou cunha presentación do club, do equipo e o corpo técnico para pasar despois ao terreo xogo nas modestas instalacións do club anfitrión. Alí, os celestes compartiron cos xogadores locais rondos, regates, xogos de dominio aéreo e adestramento de porteiros para despois xogar partidillos cos futbolistas repartidos por idades similares. Para terminar esta parte da actividade o adestrador local organizou un partido do seu equipo sub 17 contra o Alevín celeste, xa que aos futbolistas campechanos facíalles moita ilusión, segundo recoñeceu o técnico, medirse ao RC Celta.

Pola súa banda, os xogadores do Cadete B organizaron unha recollida de juguetes para entregalos nun dos puntos establecidos na cidade, en concreto na Florida, mentres que o Cadete A participou nunha charla conxunta co equipo feminino do Matamá contra a violencia de xénero impartida por unha representante do Centro de Urxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero. Trala charla, ambos equipos xogaron un partido de fútbol 8 no que cada equipo alineou a xogadores e xogadoras por partes iguais.

O Xuvenil B gozou dunha xornada de convivencia co grupo ACEESCA (Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo do Amor) de Porriño, onde se planificou facer un calendario conxunto de fotos cos seus alumnos e alumnas para que poidan vender e obter fondos e desenvolvéronse diversas actividades lúdicas. A xornada concluíu coa entrega de roupa deportiva á entidade.

O RC Celta Xuvenil A completou esta iniciativa coa organización dun partido Benéfico en favor de ACEESCA ante o Porriño Industrial. Coa entrada ofreceuse a posibilidade de participar nun sorteo dunha camiseta do RC Celta asinada polos xogadores do primeiro equipo ademais, doutros agasallos que o Porriño Industrial doou para o evento.

Unha serie de accións que enriquecen a formación dos xogadores das categorías inferiores celestes e potencian os valores que o club e a Fundación Celta de Vigo pretenden inculcarlles aos futbolistas célticos.