“Agradecemento” e “orgullo” entre os canteiráns celestes premiados por Fútbol Draft

fdraft-14.jpg

Jonny, David Costas, Santi Mina e Rubén destacan o premio especial ao RC Celta

 

Fútbol Draft, entidade de promoción da canteira nada ao amparo de todas as institucións do fútbol español, concedeu onte ao Celta o premio especial de apoio á canteira, un recoñecemento ao gran labor que leva realizando o club vigués desde hai anos en materia de fútbol base.

 

O valor do proxecto futbolístico celeste tamén se viu reflectido na selección dos mellores onces de canteiráns españois que realizaron os comités de expertos de Fútbol Draft. Os xogadores do primeiro equipo Jonny e David Costas foron galardoados como mellor lateral destro e mellor central destro respectivamente, mentres que Santi Mina foi elixido segundo mellor dianteiro nacional e Rubén Blanco mellor terceiro porteiro español. O potencial da canteira céltica resalta nuns premios cuxa reputación aumenta edición tras edición.

 

O máis veterano deles, Jonny Castro, xa foi seleccionado no Once de Prata de Fútbol Draft a pasada tempada. O vigués, agradecido e feliz por revalidar e mellorar a súa presenza nestes premios, destacou esta mañá na Madroa o recoñecemento á filosofía de fútbol base do RC Celta: ‘os resultados de Fútbol Draft demostran que este proxecto conta co respaldo non só do club, senón tamén doutras entidades. O Celta está a apostar moito pola canteira, está a facerse un traballo enorme que se reflicte en todos os internacionais que están a saír da Madroa e na organización de eventos como a Copa de Campións do ano pasado ou do próximo pre-europeo Sub-19″

 

O defensor céltico mostrou a súa satisfacción polos ‘outros tres compañeiros premiados e tamén polo nomeamento de Yelko Pino, aínda que non forme parte dos onces finais’. O seu consello para os mozos que desexan seguir os seus pasos e o dos outros canteiráns que chegaron ao primeiro equipo é tan sinxelo como rotundo: ‘traballade duro. Con esforzo e humildade a recompensa chega’.

 

David Costas representa xunto a Jonny á canteira céltica no 11 de Ouro de Fútbol Draft. Tras a súa primeira campaña como futbolista do primeiro equipo, o canteirán só ten palabras positivas cara ao proxecto futbolístico do que forma parte: ‘levo toda a miña vida neste club e apostaron por min. Está a demostrarse que seguir esta liña dá os seus froitos. Os rapaces dos equipos inferiores teñen que seguir traballando porque o Celta vailles apoiar en todo o que sexa posible para que poidan chegar ao primeiro equipo’.

 

Na dianteira do Once de Prata de Fútbol Draft destaca o vigués Santi Mina, un mozo atacante que aproveitou os seus primeiros minutos en Primeira División para demostrar o seu potencial: ‘toca seguir traballando e loitar para seguir mellorando’. Mina non se mostra sorprendido pola mención especial de Fútbol Draft ao club olívico: ‘sabemos desde hai tempo que o Celta aposta pola canteira. Só hai que fixarse no presidente, directivos e outros empregados do club, que sempre que poden acoden aos partidos das categorías inferiores. Ese apoio sempre é bo para os rapaces da base. É un orgullo para todos que se recoñeceu ao Celta polo seu traballo de canteira’.

 

Un das iconas do ideario de canteira celeste é Borja Oubiña, un ‘referente’ en palabras de Santi Mina: ‘é alguén que pasou polo que nós estamos a iniciar agora. Os seus consellos sempre son bos e moitas veces acudimos a el. É un pracer telo no vestiario porque sempre está aí para axudarche e para darche unha palmada nas costas cando as cousas non saen ben’.

 

O cuarto canteirán céltico premiado, Rubén Blanco, defende a portaría do Once de Bronce de Fútbol Draft por segunda edición consecutiva: ‘estou moi contento por volver aparecer nun once de Fútbol Draft e síntome moi agradecido. Está a demostrarse a importancia da nosa canteira a nivel nacional’. O porteiro mosense mostrouse ‘contento por formar parte desta canteira e poder representala’, unha canteira que considera que ‘non ten nada que envexarlle a ningunha outra en España. É unha das mellores a nivel nacional e das que máis futbolistas achega ao primeiro equipo’.

 

O mérito dos éxitos das categorías inferiores célticas non só recaen no Real Club Celta e na súa Fundación, valedora de todos os equipos base da entidade, senón tamén no celtismo, envorcado ao proxecto de fútbol base e convencido del, e en todos os clubs de Galicia que colaboran activamente co proxecto de canteira celeste.

Leave a Reply

13 − nine =