Comeza a campaña de reciclaxe na canteira e o celtismo


En estreita colaboración con Ecoembes, a organización ambiental que coordina a reciclaxe de envases en España, a Fundación Celta promove unha interesante campaña de concienciación e divulgación en materia de reciclaxe e educación ambiental. O acordo ten un dobre obxectivo: aumentar na maior medida posible a recollida selectiva dos envases de plástico, latas e briks (contedor amarelo) e de papel e cartón (contedor azul) e concienciar a todas as persoas vinculadas ao celtismo da importancia da reciclaxe.

Preténdese potenciar a recollida de residuos mediante a colocación de papeleiras e contedores amarelos nas instalacións do Estadio Abanca Balaídos e na cidade deportiva da Madroa. Neste tipo de instalacións deportivas utilízanse gran cantidade de  estes envases, como botellas de plástico, latas de refresco e envoltorios de comida, de modo que, con esta iniciativa, todos estes residuos poderán ser reciclados.  Desde o pasado 2 de febreiro a afección ten á súa disposición 160 papeleiras e contedores nas instalacións celestes.
A Fundación concienciará ademais aos mozos xogadores dos diferentes equipos das categorías inferiores sobre a importancia de adquirir bos hábitos, coidar o medioambiente e separar os residuos para que se poidan reciclar posteriormente. Os futbolistas da canteira celeste recollerán os envases utilizados durante os adestramentos e nos vestiarios depositarano nos contedores adecuados.
Ademais das mencionadas iniciativas, a Fundación Celta e Ecoembes impulsarán outras accións para promover a educación ambiental co fin de potenciar a reciclaxe e o coidado do medioambiente.
Esta iniciativa súmase ás numerosas actividades desenvoltas pola Fundación nos ámbitos social, deportivo e educativo. Entre elas, figuran as de doar ao longo de cada ano camisetas, bufandas, balóns, entre outros artigos, asinados polos xogadores do RC Celta para persoas, entidades ou eventos con fins sociais.
Sobre Ecoembes
Ecoembes (www.ecoembes.com) é a entidade sen ánimo de lucro que xestiona a recuperación e a reciclaxe dos envases de plástico, as latas e os briks (contedor amarelo) e os envases de cartón e papel (contedor azul) en toda España. En 2017, recicláronse máis de 1,4 millóns de toneladas de envases lixeiros e envases de cartón e papel en todo o territorio nacional, alcanzando unha taxa de reciclaxe de 77,1%. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1,2 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar 5,8 millóns de MWh. Así mesmo, aforráronse 20,15 millóns de metros cúbicos de auga.