Balaídos aplaude os éxitos internacionais de cinco palistas galegos

O RC Celta dedicará este venres unha merecida homenaxe aos padexeiros galegos Manuel Garrido, Óscar Graña,  Ramón Ferro, Ton Campos e José Manuel Sánchez nos prolegómenos do partido de Liga ante o Leganés (21:00, Balaídos).

O tres primeiros, membros do Club Kaiak Tudense, proclamáronse subcampións do mundo o pasado verán na especialidade de canoa, modalidade de maratón. Ademais, Manuel Garrido tamén logrou a medalla de bronce no europeo. Ton Campos e José Manuel Sánchez, padexeiros do Breogán do Grove, súmanse á homenaxe polos seus notables éxitos internacionais tamén na especialidade de canoa.