Beltrán recibe o premio Xogador Estrella Galicia… falando en galego!

Fran Beltrán recolleu este mércores o premio Xogador Estrella Galicia co que a afección lle recoñece como o mellor futbolista celeste do mes de setembro. O centrocampista, oriúndo da provincia de Toledo, sorprendeu a todos os presentes no acto de entrega agradecendo o trofeo cunhas palabras en galego:

«Quero dicilo en galego. Grazas a todos os siareiros, á miña familia e á miña noiva polo seu apoio. Imos a por máis. Quería dicir esta frase para todos os seguidores do Celta, que saiban que é verdade que estou a tentar aprender galego». O centrocampista estendeu o mérito deste recoñecemento aos seus compañeiros, corpo técnico e empregados do club e despediuse desexando «que este non sexa o último».