Hemeroteca primer equipo

Carta de Toni Rodríguez

RC Celta

Toni_Rodriguez_-_Renovacion.jpg

O futbolista galego dirixe unha agarimosa misiva ao celtismo

 

Amigos celtistas:

 

Despois de case 8 tempadas no club, tomei a difícil decisión de emprender un novo camiño, unha nova etapa que afronto con ilusións renovadas e unha gran motivación. Nestes momentos vénme moita xente á memoria, moitas persoas que fixeron da miña estancia en Vigo unha época inesquecible en todos os sentidos, tanto no ámbito persoal como no puramente deportivo.

 

Sería imposible nomealos a todos, pero gustaríame dar as grazas publicamente a todas aquelas persoas que quizá non son tan coñecidas por todos vós, pero que marcaron a miña vida e a miña carreira.

 

Falo de compañeiros cos que compartín un soño, o fútbol profesional, e que desgraciadamente non tiveron a mesma sorte que tiven eu. Falo de educadores, profesores e titores, que me axudaron a compaxinar o fútbol cos estudos e a formarme como a persoa que son hoxe en día.

 

Falo dos adestradores e preparadores que tiven na miña época anterior ao profesionalismo, dos cales aprendín tanto como nas últimas tempadas. Falo de doutores, recuperadores, fisioterapeutas, masaxistas, encargados de material,… persoas que compartiron o día a día comigo e que me fixeron sentir como un máis desa familia celtista coa que tan identificados nos sentimos os xogadores da casa.

 

Falo de traballadores do club, que sempre tiveron unha palabra cariñosa que dedicarme ou me pasaron un brazo polo ombreiro cando o necesitei. Falo de moitas persoas que nalgún momento axudáronme de forma desinteresada.

 

No primeiro equipo cumprín algúns dos meus soños e tiven a fortuna de pór o meu granito de area na longa historia deste club. Vivín sensacións e momentos que non se poden explicar con palabras vestindo esta camiseta, e tamén momentos complicados que me fixeron crecer en todos os aspectos.

 

Grazas aos meus compañeiros. Tiven a sorte de competir cada día e cada fin de semana con persoas ás que considero amigos, e ás que me une non só a afinidade persoal, tamén as experiencias e dificultades ás que nos enfrontamos xuntos.

 

Grazas aos adestradores, preparadores e membros dos corpos técnicos que tiven. Moi diferentes entre eles, todos me achegaron cousas que son e serán valiosas na miña carreira.

 

Grazas á afección, que desde que entrei nesta casa con 16 anos ata que hoxe saio con 23, tratoume con agarimo e respecto, e á que tratei de corresponderlle dando o mellor da miña cada día, tratando de superarme e de conseguir que este club fóra aos poucos conseguindo os seus obxectivos.

 

E finalmente, o agradecemento máis importante que teño que facer é á miña familia, polo agarimo e o apoio incondicional que me deron, e polos sacrificios que fixeron para que cumprise o meu soño.

 

Un forte abrazo, Toni.

 

Fotografía: Marta Grande – Vídeo en CeltaTV: http://bit.ly/1kfsuiI

RC Celta

Etiquetas

Primer Equipo Hemeroteca primer equipo Hemeroteca primer equipo Hemeroteca primer equipo Primer Equipo Primer Equipo

Noticias recomendadas