Celta Media retransmite o Memorial Quinocho ante o Mainz 05 para todo o mundo

O fútbol regresa a ABANCA Balaídos este sábado coa disputa do Trofeo Memorial Quinocho, unha das grandes citas da tempada celeste na que se homenaxea ao eterno ex xogador e xerente Joaquín Fernández Santomé “Quinocho”. Entre as novidades deste ano destaca a presenza dun rival alemán por primeira vez na historia do trofeo, o Mainz 05, pero tamén o transfondo solidario do evento: toda a recadación destinarase aos veciños de Tui afectados pola explosión dun almacén de pirotecnia o pasado mes de maio.

As entradas teñen un custo de 5€ para todas as bancadas e habilitouse unha conta solidaria para aqueles afeccionados que non poidan asistir pero desexen colaborar economicamente coa causa (ES80 2080 5066 7330 4003 5840).

Ademais, Celta Media retransmitirá o encontro a través da canle oficial do RC Celta en YouTube e o perfil de Facebook, de maneira que os celtistas de todo o mundo terán a oportunidade de vivir a estrea do equipo de Antonio Mohamed no estadio vigués.