Comunicado do RC Celta

Foi unha tempada dura, complicada, cun repentino cambio de obxectivo difícil de dixerir. Nesa loita por asumir con enteireza un reto diferente xurdiu a forza da afección. O celtismo, lonxe do desánimo ou o reproche, marcou o camiño con entusiasmo. Lonxe da rendición ou das dúbidas, alagou o vestiario cunha enerxía poderosa e vigorizante. Sen a súa fe e o seu empuxe, o desenlace sería outro. Sen a súa entrega e alento, ‘A Nosa Reconquista’ non sería posible.

Os recibimentos ao equipo deixáronnos imaxes sobrecoxedoras e inesquecibles, un tipo de imaxes que adoitan estar vinculadas a celebracións, a éxitos e festexos. Aquí foron diferentes, foron imaxes de paixón, de compromiso, de apoio incondicional ante un reto de máxima dificultade que ninguén se expuxo meses atrás.

Os sons de ABANCA Balaídos durante os partidos tamén perdurarán na nosa memoria. Desde a paixón coa que se entoa o himno até o alento incesante que propiciou épicas remontadas e vitorias decisivas.

A mellor afección de España merécese un equipo en Primeira División. O RC Celta afrontará nuns meses a súa oitava tempada consecutiva na máxima categoría. Este éxito ten un nome: celtismo.

Grazas afección

Ala Celta!