Hemeroteca canteira

Contundente derrota do filial ante o líder

RC Celta

Borja_Iglesias_-_Celta_B_-_13-14.jpg

O Zamora aproveitou case todas as súas chegadas á área celeste e venceu cun abultado 6-0

 

Contundente derrota do filial vigués en terras zamoranas. Os canteiráns foron de máis a menos e víronse superados polo líder da categoría, que rendibilizou practicamente todas as súas chegadas á área celeste. Rubén Blanco pouco puido facer para evitar a goleada branquivermella.

 

Os vigueses comezaron o encontro dominando o xogo, facéndose coa posesión do balón desde moi pronto. No minuto 11 Añón deu a primeira advertencia dos celestes. O seu disparo detívoo Imanol, porteiro do Zamora. Apenas uns minutos máis tarde Antón rematou de volea a saque de esquina, no segundo pau e totalmente só. O seu disparo marchouse fóra por moi pouco.

 

Os de De Dios gañaban confianza co paso dos minutos, ante un rival que só se aproximaba á área celeste a balón parado. Neste escenario, o Zamora deu a sorpresa ao adiantarse no marcador tras unha gran parada de Rubén Blanco. O balón rexeitado polo novo gardameta caeu nas botas de Alberto Prada, que enviou o esférico ao fondo da portaría olívica cun potente disparo desde fóra da área.

 

O Celta B mantivo a compostura tras ese primeiro revés. No minuto 30 Borja Iglesias rematou na área rival ata en dúas ocasións, pero en ambas a defensa zamorana evitou que o disparo se dirixise á portaría defendida por Imanol. Tan só sete minutos máis tarde, o conxunto local asestou un novo golpe aos mozos galegos. Gran xogada persoal de Jorge Hernández, que cedeu o balón a Santos, totalmente só na área, para que este anotase o 2-0. O primeiro tempo finalizou cun bo intento de Aitor, que se foi da defensa local e disparou a porta. Imanol atrapou o esférico.

 

No segundo tempo o cadro zamorano impúxose definitivamente ao Celta B. No minuto 55 Jorge Hernández finalizou un bo ataque do Zamora para bater por terceira vez a Rubén Blanco, que pouco puido facer en todos os goles. O filial celeste ofrecía pequenos sinais de vida en ataque de maneira puntual. Aitor tentouno no minuto 60 con outra boa xogada individual que finalizou con disparo ao lateral da rede.

 

A cuarta diana chegou ao fío do minuto 70, cunha intranscendente polémica. Posible posición antirreglamentaria de Montero, que resolveu con acerto o contraataque do cadro locatario. O 5-0 tamén o asinou Montero, dez minutos máis tarde, e o definitivo 6-0 pasou polas botas de Jorge Hernández cando restaban dous minutos para o asubío final.

 

FICHA TÉCNICA

 

6-Zamora: Imanol, Santos, Dani Mateos, Garretas, Ramiro, Jorge Hernández, Di Biase (Rodrigo, min.70), Montero (Arias, min.85), Jacobo, Rubén Sánchez (Dalmau, min.76) e Alberto Prada

 

0-Celta B: Rubén, Kevin (Goldar, min.54), Soto, Antón, Maceira, Borja Domínguez, Borja Fernández, Yelko, Añón (Marcos Torres, min.65), Aitor (Fernán, min.65) e Borja Iglesias

 

Goles: 1-0, Alberto Prada (min.24); 2-0, Miguel Santos (min.37); 3-0, Jorge Hernández (min.55); 4-0, Montero (min.68); 5-0, Montero (min.80), 6-0, Jorge Hernández (min.88)

 

Árbitro: Collado López, do colexio castelán-manchego. Amarela a Borja Domínguez, Miguel Santos, Soto, Di Biase, Fernán

 

Campo: Ruta de la Plata

 

Fotografía: Diego Pérez

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas