D.O. Celta: fútbol e valores danse a man na canteira celeste

O departamento de categorías inferiores do RC Celta desenvolveu un sistema innovador para a valoración dos xogadores da canteira celeste. Baixo o nome de ‘Denominación de Orixe Celta’, este método de avaliación non só ten en conta os aspectos futbolísticos, senón que outorga especial valor ao comportamento, os valores e o rendemento académico: “Este programa dá un significado total á importancia que ten a canteira no RC Celta, tanto no aspecto deportivo como humano”, explica o director de canteira Carlos Hugo García.

Programadores informáticos deseñaron unha aplicación na que, cada semana, os adestradores das categorías inferiores célticas introducen os aspectos positivos de cada canteirán, entre eles os denominados ‘Xestos Denominación de Orixe Celta’, comportamentos diarios cos compañeiros, rivais ou o árbitro, pero tamén coa sociedade e que representan os valores do celtismo e do club.

‘Denominación de Orixe Celta’ tamén ten un compoñente competitivo que supón unha motivación extra para os canteiráns celestes. Semana a semana actualízase unha clasificación e a final de tempada os campións reciben un recoñecemento polo seu compromiso e comportamento dentro e fóra do terreo de xogo.