Derrota do Celta B en Barreiro ante o Real Murcia

jordan-celtab-murcia-1415.jpg

Os celestes plantaron cara a un dos grandes da categoría, pero acabaron caendo por 0-2

O Celta B plantou cara desde o asubío inicial a un dos rivais máis fortes da categoría. As opcións de gol repartíronse entre ambos os conxuntos ao longo de toda a primeira parte, na que o dominio do partido alternou por momentos entre celestes e pimentoneros.

 

Os canteiráns célticos tiveron a súa mellor oportunidade para adiantarse no marcador ao vinte minutos de xogo. Jordan recuperou o balón en campo propio e iniciou unha veloz contra que finalizou cun potente disparo de Javi Rei na frontal da área. Acciari, providencial, despexou o esférico para evitar o tanto vigués.

 

O Murcia, que enviou un balón ao pau e topouse cunha boa parada de Óscar Santiago, acabou tendo maior fortuna que os locais de face ao gol. A cinco minutos do descanso Jairo colocou un centro medido que Javi Flores rematou ao fondo da portaría olívica.

 

Tras a continuación o xogo nas áreas diminuíu e as ocasións para marcar case desapareceron. No minuto 64 o Real Murcia logrou ampliar a súa vantaxe no marcador grazas a un tanto de Gerard. Tan só un minuto despois de encaixar o segundo tanto pimentonero, o colexiado expulsou ao céltico Borja Domínguez por unha forte entrada sobre Rubén Sánchez.

 

A inferioridade numérica e o resultado adverso non afectaron á actitude dos canteiráns, que buscaron incesantemente un gol que lles permitise chegar aos minutos finais con opcións de puntuar. O técnico do filial, Javi López, introduciu cambios ofensivos. Thaylor e Javi Que se converteron nas referencias en ataque, xunto a un Omar moi activo en banda. O mejicano Que enviou un bo disparo que rozou o poste dereito da portaría murciana. Non houbo premio para os célticos e o encontro finalizou con 0-2 no electrónico a favor do cadro visitante.

 

FICHA TÉCNICA

0-CELTA B: Óscar, Kevin, Soto, Casas (Javi Que, min.73), Crespo, Borja Domínguez, Jordan, Javi Rey, Omar Santana, Luis Rioja (Pucheta, min.60) e Borja Iglesias (Thaylor, min.73)

 

2-R.MURCIA: Crespo, José, Víctor Ruiz (Arturo, min.82), Prieto, Acciari, Jaume, Rubén Sánchez (Pumar, min.67), Javi Flores, Gerard, Armando e Jairo (Javi Saura, min.55)

 

Goles: Javi Flores, 0-1 (min.39); Gerard, 0-2 (min.64)

 

Árbitro: Ruiz Álvarez, do comité asturiano. Amonestou a Omar, Jairo, Javi Que. Expulsou a Borja Domínguez con vermella directa (min.65)

 

Campo: Barreiro (1.000 espectadores)

Leave a Reply

four × two =