Este venres ábrese a reserva de entradas para San Mamés

O RC Celta afronta a próxima semana ante o Athletic Club o seu último partido a domicilio da tempada. O apoio da afección, tal e como ocorreu nos últimos desprazamentos do equipo celeste, será crucial para alcanzar o obxectivo da salvación.

Mañá venres 3 de maio ás 11.00 horas en https://ticketsabonados.rccelta.es/  ábrese a reserva de localidades para o encontro que se disputará en San Mamés o domingo 12 de maio. As entradas, que teñen un prezo de 45 euros e que só se poderán tramitar vía online, son exclusivas para abonados do RC Celta, que deberán introducir o seu dni e a ID do seu carné de abonado para poder efectuar a reserva.

Ao completar a compra cada socio recibirá no seu correo un xustificante que terá que trocar pola entrada definitiva nos despachos de billetes do estadio ABANCA Balaídos desde o luns 6 de maio en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Ademáis, persoal do club estará presente na porta 20 de San Mamés nos prolegómenos do partido para entregar as entradas físicas a aqueles abonados que prefiran realizar o cambio no mesmo estadio bilbaino, presenteando o seu resgardo de pago.

Doutra banda, para facilitar o desprazamento dos afeccionados celestes a Bilbao, o RC Celta porá autobuses gratuítos que sairán ás 06.30 horas e regresarán ao finalizar o partido para aqueles abonados con entrada. A reserva dunha praza no autobús poderá realizarse no mesmo proceso de compra e aqueles que a xestionen recibirán nos próximos días un segundo correo electrónico con instrucións para tramitala.