Escolas

A Fundación Celta de Vigo leva máis de 10 anos desenvolvendo diferentes actividades para promover unha práctica deportiva saudable, especialmente entre os máis pequenos, posto que se trata dun dos piares fundamentais da súa filosofía. Ademais, a práctica deportiva habitual axuda aos nenos a desenvolverse en moitos outros ámbitos da súa vida, e pode ser unha gran ferramenta transmisora de valores como a solidariedade, o traballo en equipo, o sacrificio e a creatividade.

Campus Fundacion (14)

Cada ano, durante o curso escolar organízanse as “Escolas deportivas Fundación Celta de Vigo” que naceron como un elemento vertebrador desta filosofía e que, xunto aos Campus de Verán, son xa unha tradición e contan con gran prestixio e recoñecemento. Dende o mes de setembro ata o mes de xuño os nenos e nenas que forman parte das diferentes escolas deportivas, acoden a adestrar dous días á semana con adestradores das categorías inferiores do Real Club Celta de Vigo. Uns preparadores que se encargan de transmitir as técnicas formativas dunha canteira que demostrou ao longo destes últimos anos ser das máis frutíferas do país.

Os nosos formadores encárganse de achegar esta metodoloxía tan exitosa aos nenos e nenas que participan nas escolas, pero sempre dende un punto de vista lúdico e de formación en valores, onde a competición deixa paso á diversión o entretemento e a aprendizaxe. Ademais, os fins de semana os nenos e nenas das escolas deportivas da Fundación Celta gozan dos seus partidos onde poden aplicar o aprendido durante a semana.

Campus Fundacion (29)
As escolas contan ademais con diversas actividades extra como a visita de xogadores do Real Club Celta de Vigo, charlas con técnicos do primeiro equipo e moitas sorpresas máis que fan das Escolas Deportivas Fundación Celta de Vigo unha experiencia única e exclusiva.

Actualmente existen dúas Escolas Deportivas Fundación Celta de Vigo. Unha delas desenvólvese nas instalacións deportivas da Madroa e a outra desenvólvese en colaboración co colexio O Castro international School.

O Castro International School