‘A Sede’ presenta a marca do seu gastrobar: nace Gambeta Gastrobar

Aos poucos desvélanse novos detalles da sede do RC Celta e dos negocios que albergará a nova casa do club en pleno centro de Vigo. Este luns presentouse a imaxe e nome do gastrobar de A Sede. Situado na planta cero do edificio, Gambeta Gastrobar será un espazo de restauración moderno e informal aberto durante todo o día.

Con almorzos pola mañá, un menú do día atractivo ao mediodía e unha variada carta de pratos para compartir, o gastrobar de A Sede está chamado a converterse nun novo punto de encontro para os vigueses.

A Sede

O RC Celta, a súa afección e Vigo vivirán durante o próximo mes de marzo un acontecemento histórico, a inauguración da nova sede social do club, situada na rúa do Príncipe, no corazón de Vigo, nun emblemático inmoble que se converterá na casa do celtismo. Este evento terá lugar o día 17 do próximo mes de marzo, unha data que sen dúbida pasará á historia do club, xa que a nova sede social é un dos grandes alicerces do proxecto de futuro da entidade e á vez un poderoso impulso ao presente.

Todas as novidades e detalles na web asede.rccelta.es e nas contas oficiais de A Sede en twitter, facebook e instagram.