Gran arranque do Celta B ante un duro rival

celta_b_racing_club_23815.jpg

Os celestes, espléndidos, superaron ao Real Racing Club cun tanto de Borja Iglesias (1-0)

 

A competición arrancou en Barreiro cun Celta B intenso, agresivo e ordenado. Cun triunfo de gran valor polo que supón, polo peso do rival, un bo Real Racing Club. O filial levou o tres puntos cun tanto de Borja Iglesias tras unha excelente xogada colectiva.

 

O Celta B luciu desde o inicio as virtudes que adornan a identidade celeste: Intensidade, agresividade, ambición… Os celestes fuxiron do seu campo, instaláronse no do rival, acapararon a posesión e lograron asustar a un poderoso adversario, un equipo sólido, ordenado e sobrado de calidade e oficio.

 

Sen ocasións claras, as aproximacións con intención, os remates, eran todos dos locais, aínda que o Racing amagaba, só iso, con saír con velocidade á contra á mínima ocasión.

 

Os visitantes tiveron a súa mellor ocasión aos 32 minutos, xa de pleno metidos no partido, cun cabezazo ao traveseiro á saída dun córner. Levaban uns minutos de dominio, de control, de presión eficaz sobre un filial que perdera precisión, e presenza no centro do campo.

 

Fixéronselles longos os minutos finais da primeira metade aos celestes, empuxados cara á súa área, sen contacto apenas co coiro, multiplicándose na defensa das xogadas a balón parado. Lograron minimizar os efectos do seu bajón e mesmo chegar ao descanso cunha gran ocasión de Guille, un remate de socato tras un saque de esquina, que desbaratou ben a meta cántabro.

 

E así comezou a segunda metade, cun perigoso remate celeste á saída dun córner despexado con apuros por Sotres. O Celta B puido marcar de novo pouco despois cunha veloz contra de Luís Rioxa, remates, rexeites, suspense… e balón á esquina. O filial repetiu o seu arranque, pero con boas chegadas e ocasións.

 

Aos 20 minutos, xogada de ida e volta, un signo dun partido vibrante e intenso, sen tempo algún para o relax ou a recuperación. Coulibal lanzou desde a área e un defensor celeste sacou baixo paus. O despexe converteuse en contra e en gran ocasión para os locais.

 

Aos 31 minutos, unha mostra, plena de eficacia, do espírito deste equipo. Veloz saída de Borja Fernández, apoio en Rubén e entrada plena de fe pola banda de Samuel. O seu centro acabou en toque, precisión e colocación, de Borja Iglesias á rede. Gran xogada.

 

Os celestes trataron despois de que o seu desgaste e a súa proposta desen o froito merecido. Sempre sen renunciar a unha contra definitiva. Non fixo falta. Gran vitoria.

 

FICHA TÉCNICA

1-Celta B: Iván Villar, Kevin, Jonathan de Amo, Goldar, Samuel, Borja Fernández, Pape Cheikh (Peña, min.73), Luis Rioja, Guille (Julio Delgado, min.80), Rubén Ramiro e Borja Iglesias (Javi Que, min.90).

 

0-Racing: Sotres, Francis, Caneda, Alain, Santamaría, Kamal (Jesús, Hevia, Min.81), Borja, Óscar (Dioni, min.63), Dani Rodríguez, Unai (Paulino, min.78) e Coulibal.

 

Goles: 1-0, min.77: Borja Iglesias.

 

Árbitro: Alonso Prendes, do comité asturiano. Amonestou a Luis Rioja, Borja Iglesias, Samuel, Santamaría, Kamal, Dani Rodríguez e Alain.

 

Campo: Barreiro, unos 1.200 espectadores. 

Leave a Reply

4 × 2 =