Os técnicos do Celta Integra amplían a súa formación da man de Fundación LaLiga e UAM

Álex Abalde e Juan Diego Fernández, dous dos técnicos do equipo Fundación Celta Integra, cursarán durante o primeiro semestre de 2020 o Curso de Formación Especializada en Fútbol e Discapacidade Intelectual, unha acción formativa que foi organizada e desenvolvida de maneira conxunta pola Fundación LaLiga e a Universidade Autónoma de Madrid (UAM). Un grupo de profesionais, docentes e investigadores foron os encargados de elaborar o programa deste curso pioneiro no que participarán profesionais dos diferentes corpos técnicos dos clubs participantes en LaLiga Genuine Santander.

Esta formación, que combina a aprendizaxe online con dúas sesións presenciais, ten como obxectivo fundamental a formación teórica e práctica dos técnicos que traballan con deportistas con discapacidade intelectual. Baseándose neste principio, os ensinos impartidos non se limitarán só ao aspecto puramente técnico ou físico relacionado co fútbol, senón que se considerarán, de forma importante, cada unha das facetas relacionadas co deportista DEI. En total serán 500 horas de curso repartidas en catro módulos e un traballo final co que se avaliarán os coñecementos adquiridos polos participantes.

A iniciativa da Fundación LaLiga supón un novo impulso para un dos proxectos máis ilusionantes do fútbol español. Ademais, o espírito desta acción alíñase coa filosofía formativa do RC Celta e a Fundación Celta, unha aposta continua polo desenvolvemento profesional e persoal dos seus traballadores. Este curso permitirá ampliar os coñecementos dos técnicos da Fundación Celta Integra e mellorar a súa especialización na área do fútbol DEI, algo que sen dúbida repercutirá positivamente no proxecto e os xogadores participantes.