Iago Aspas: «No Mundial quero xogar o máximo posible e ser campión»






Onde e con quen viches a lista de convocados ao Mundial?

Na miña casa, coa miña muller e o meu fillo.

A primeira chamada que recibiches.

O meu irmán Jonathan. E o whatsapp saturado, aínda o teño a día de hoxe.

A primeira chamada que fixeches.

Chamei á miña nai. Está moi orgullosa do seu fillo.

Algunha mensaxe curiosa ou inesperada?

De Morata, por pór un exemplo. Mandoume unha mensaxe, teño unha boa relación con el.

Recibiches algunha felicitación institucional en Moaña?

A alcaldesa, envioume o que publicou o Concello en redes sociais e deume o parabén.

Estabas nervioso antes do anuncio da lista?

Nunca estás confiado. Sempre dixen que ata que non escoitase o meu nome de boca do seleccionador, non ía estar tranquilo.

Como pasaches o día? Celebráchelo dalgunha maneira?

Foi un día normal, no meu pobo. Estiven cos meus amigos no café e logo en Vigo.

Ir ao Mundial é un soño cumprido?

Si, por suposto. Desde neno sóñalo, aínda que sabendo que ten unha dificultade máxima. Somos moitos millóns de persoas en España e estar na lista de 23 da Selección é un orgullo e unha responsabilidade.

E cumprido este, que outros soños che quedan por cumprir?

Moitísimos. A nivel de club creo que falta conseguir un título co Celta.

É favorita España?

Aínda que soe a tópico, primeiro hai que ir a por o primeiro partido. Sempre custa facerse á competición e temos un rival moi difícil para comezar. Hai que tentar pasar a fase de grupos e despois xa veremos, aínda que é certo que hai unha selección con moito nivel.

Que outras seleccións ves con opcións?

Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina…

Conseguiches o Trofeo Zarra por segunda vez consecutiva.

Si, é un reto moi complicado. Teño que dar as grazas aos meus compañeiros. Sen eles isto sería imposible. É un orgullo volver ser o máximo goleador nacional.

Na dianteira da Selección coincidides tres xogadores que estivestes á vez en distintas categorías do Celta. Que lembras deles?

Recordo a Diego Costa porque eu adestraba moitas veces co primeiro equipo. Tamén a Rodrigo, que coincidiu con Hugo Mallo nunha boa quinta de xuvenís.

Que obxectivos che marcas para o Mundial?

Tentar dispor do máximo de minutos posibles e saír campión.