Hemeroteca club

Imaxe de gran valor de Celta e Deportivo: Os seus equipos de fútbol base compartirán autobús

RC Celta

viajes_compartidos_web_9315.jpg

Cadetes e benxamíns de ambos clubs viaxarán xuntos aos torneos de Semana Santa

 

O Real Club Celta e o Deportivo dan un novo paso adiante no seu firme compromiso por forxar unha relación fluída e cordial entre as dúas entidades, que camiñan de xeito decidido cara ao establecemento definitivo dunha sa rivalidade deportiva. Ambos clubes, nun exemplo de colaboración de elevado contido simbólico, ofrecerán esta próxima Semana Santa unha imaxe de gran valor: a dos xogadores de varios equipos de categorías inferiores compartindo autobús. Unha vez no terreo de xogo, a paixón, a tensión e a enerxía serán as que tradicionalmente desprenden os derbis, xogados e vividos coa máxima intensidade, pero tamén co máximo respecto.

 

Concretamente, os equipos Cadete A e Benxamín A de Celta e Deportivo viaxarán xuntos esta Semana Santa. Os cadetes desprazaranse a Zaragoza para participar no prestixioso torneo César Augusta, no que comparten cartel con equipos como Real Madrid ou Fútbol Club Barcelona. Este torneo terá lugar entre os días dous e cinco do próximo mes de abril.

 

Pola súa banda, os equipos do Benxamín A de Celta e Deportivo desprazaranse no mesmo autobús a Iscar, en Valladolid para participar na Iscar Cup, trofeo de enorme nivel no que os célticos comparten grupo con equipos como Real Madrid, Barcelona ou Villarreal. A fase de grupos na que participan os célticos terá lugar os días 2 e 3 de abril.

 

A imaxe dos nenos dos dous equipos galegos emprendendo unha viaxe xuntos simboliza o camiño que deben completar tamén ambas afeccións cara á normalidade e o comportamento deportivo nos enfrontamentos entre os dous clubs. A rivalidade deportiva será sempre intensa e chea de paixón, con ambas afeccións envorcadas coa máxima enerxía en animar aos seus equipos pero, sen mermar os sentimentos que rodean ao derbi, a normalidade debe converterse no verdadeiro aceno de identidade dos partidos que disputen ambos equipos.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca club

Noticias recomendadas