Inxusta derrota do Celta B ante o Burgos

CeltaB-Burgos_1314.jpg

O filial foi moi superior a un defensivo rival, que anotou nun rebote afortunado (0-1)

 

O fútbol foi inxusto e cruel co Celta B. moi superior a un defensivo rival que anotou na segunda metade cun afortunado rebote e levou os tres puntos de Barreiro. Os vigueses dominaron por completo o choque ante un Burgos, práctico, ordenado e, sobre todo, afortunado.

 

Dominio do Celtas B desde o inicio do partido, con boa circulación de balón e unha firme presión que impedía ao Burgos saír con comodidade do seu campo. Os celestes coparon a posesión no tramo inicial, aínda que sen chegadas claras ante un rival ordenado que puña todo o seu empeño en defender.

 

Os célticos, moi cómodos, realizaban triangulacións veloces e brillantes, con paciencia e precisión. Así chegaron un par de boas ocasións por banda dereita, aínda que sen a finalización buscada.

 

O Burgos confiou todas as súas posibilidades a enganchar unha contra e á eficacia do seu defensa, numerosa e rigorosa. O filial mantivo o seu empuxe e a súa fe no seu estilo e, con media hora cumprida, tiña ao rival encerrado na súa área e sen apenas opcións en ataque. Javi Rey, tras unha boa xogada con Añón, lanzou desviado desde a frontal aos 31 minutos nunha nova chegada dos célticos.

 

O partido chegou ao descanso como empezaran, con claro dominio celeste, saídas á contra do Burgos e sen goles.

 

Tras a continuación, idéntica paisaxe, con boas chegadas do filial no arranque e contras do Burgos con espazos para correr. Fernán lanzou excesivamente cruzado ao sete minutos tras unha boa saída desde atrás de Borja Domínguez. David de Dios buscou máis profundidade e mordente con dous cambios na zona de creación, xusto un minuto antes do afortunado tanto do Burgos. Xogada illada, centro desde a liña de fondo que rebota nun defensor celeste e cóase polo primeiro pau. Mala sorte para o Celta B, que encaixou de maneira lastimosa un tanto que reforzaba a aposta defensiva do cadro visitante.

 

O filial tratou de refacerse, xa con Thaylor tamén no campo, e mantivo o seu empuxe ante un Burgos cada vez máis atrás, cunha auténtica muralla na frontal da súa área. Aos 22 minutos, un defensa sacou baixo os paus un remate de Añón no que debeu ser o empate celeste, pero a fortuna foi unha, vez máis, esquiva cos locais.

 

Os vigueses mantiveron o seu empeño, con paciencia, en busca de ocos inexistentes ante un rival que defendía con todo o equipo no seu campo. Non puido ser. O filial mereceu moito máis, pero levou unha dolorosa derrota.

 

FICHA TÉCNICA

 

0-Celta B: Rubén, Soto (Thaylor, min.64), Goldar, Antón, Maceira, Borja Domínguez, Borja Fernández, Javi Rey (Yelko, min.57), Fernán (Marcos Torres, min.57), Añón e Borja Iglesias

 

1-Burgos CF: Aurreko, Andrés, Dani Guillén, Maureta, Gallardo, Moke, Arkaitz (Juaqui, min.70), Sergio Torres (Gabri, min.76), Prats, Cerrajería e Carralero (Pacheta, min.85)

 

Goles: 0-1, min.58: Dani Guillén

 

Árbitro: Carbajales Gómez, do colexio asturián. Amonestou a Goldar, Soto, Andrés, Rubéen Cerrajería, Aurreko

 

Campo: Barreiro

 

Fotografía: Diego Pérez

Leave a Reply

four × 4 =