Jonny, ao Atlético de Madrid tras unha longa e frutífera traxectoria no Celta

Jonny abandona o RC Celta tras seis tempadas e 183 partidos de Liga en Primeira División co primeiro equipo, 211 encontros en total. Comeza unha nova etapa deportiva despois de catorce anos no club, cunha traxectoria magnífica na que se converteu en referente para a canteira debido ao seu enorme crecemento futbolístico e comportamento exquisito.

O RC Celta e o Atlético de Madrid pecharon hoxe un acordo para o traspaso do canteirán, cuxo contrato expiraba en xuño de 2019. Vaise por tanto un futbolista exemplar que creceu no club desde que xogaba en categoría infantil e debutou co primeiro equipo con apenas dezaoito anos de idade.

O seu gran rendemento no Celta permitiulle gozar de numerosas internacionalidades en diversas categorías da Selección Española, desde a Sub-18 ata a Sub-21. O club quere expresarlle a Jonny o seu máis sincero agradecemento polo seu esforzo, traballo, compromiso e actitude mostrados desde o seu primeiro día no club e desexarlle un gran éxito na súa nova etapa.