Jorge Sáenz: “Traballarei e competirei ao máximo nivel”

Abanca Balaídos acolleu na tarde deste luns, apenas unhas horas despois de anunciar a súa fichaxe, a presentación do internacional Sub-21 Jorge Sáenz. O defensa central estivo acompañado na súa posta de longo como xogador celeste pola conselleira María José Táboas e o director deportivo Felipe Miñambres. “Traballarei e competirei ao máximo nivel”, asegurou o xogador tinerfeño, quen destacou “o equipo de xogadores novos e outros con máis experiencia que se está formando”.

Cuestionado polo potente inicio ligueiro que agarda ao RC Celta, no que o club vigués medirase a Real Madrid, Valencia, Sevilla, Selecta e Atlético, o defensa canario recoñeceu que é un arranque “forte”, pero do mesmo xeito valorou que para os xogadores “é ilusionante e espectacular”.

Pola súa banda, Felipe Miñambres aproveitou a ocasión para desmentir os rumores que nos últimos días sinalaban a Sáenz como causa da demora nas negociacións entre RC Celta e Valencia CF polos traspasos de Santi Mina e Maxi Gómez: “Non tivo nada que ver, máis ben o contrario. Desde o principio estivo todo claro tanto con el como cos seus representantes”.

Tras a rolda de prensa de presentación, Sáenz vestiuse de curto e pisou o céspede de Abanca Balaídos por primeira vez, onde foi recibido por catrocentos afeccionados celestes que deron unha calorosa benvida ao futbolista.