Hemeroteca canteira

Lastimosa e inxusta derrota do Celta B ante o Tropezón

RC Celta

celta_b_tropezon_web_28914.jpg

Dominou por completo, desperdiciou numerosas ocasións e encaixou dous goles no tramo final (1-2)

 

Ao Celta B escapóuselle de maneira lastimosa e cruel un partido que dominou por completo e no que dispuxo de innumerables ocasións de gol. Luís Rioja adiantou aos vigueses, que controlaron o choque por completo até unha xogada desgraciada, un gol en propia porta aos 33 minutos da segunda metade. E aínda por riba de males, pouco despois, o Tropezón acertou a balón parado nunha falta directa, inexistente ademais. Máis que inxusta derrota para os vigueses, que estrelaron o coiro no traveseiro no último minuto de xogo.

 

Arranque igualado, con alternativas, chegadas e moita disputa. Amagou primeiro o Tropezón. Ao oito minutos, remate desde a frontal e gran parada de óscar Santiago. O Celta B fíxoo dous minutos despois cun bo centro de Borja Iglesias ao que non chegou por moi pouco Julio Delgado.

 

Tras esta xogada, o filial tomou o control do coiro con longas posesións ante un rival encerrado no seu campo que tapaba espazos con empeñou e rigor. Os vigueses aplicaron paciencia na procura do oco, con moita mobilidade arriba e circulación rápida do coiro.

 

A proposta celeste frutificou aos 22 minutos cunha xogada espectacular, unha magnífica triangulación entre Borja Iglesias, Julio Delgado e Luis Rioja, quen marcou cun gran zurdazo. Merecido o tanto para un Celta B moi superior que despregaba un bo fútbol ante un adversario ordenado e disciplinado.

 

O filial mantivo o dominio tras o golazo do extremo, seguiu tocando, espremendo as bandas e xerando ocasións a través da ambición e mobilidade. Borja Iglesias asistiu con maxia a Thaylor aos 40 minutos, pero o control longo do dianteiro propiciou a parada, no man a man, de Iván. Gran ocasión xerada, unha vez máis, con bo fútbol, mobilidade e velocidade. No último minuto, gran xogada pola banda esquerda con centro final de Samu desde a liña de fondo que non tivo finalización na área pequena.

 

Tras o descanso, o Celta B mantivo o control do choque, con máis pausa se cabe, con máis parsimonia na saída de balón para activarse, acelerar, na zona de perigo.

 

Aos 15 minutos, José Ángel González puido igualar o partido cun cabezazo na área pequena á saída dun córner, que acabou estrelándose no traveseiro. Ocasión illada, pero serio aviso para o conxunto local, que necesitaba recuperar o ritmo da primeira parte.

 

Aos 20 minutos, boa ocasión para Thaylor tras un gran pase de Jordan, pero o seu remate, co exterior e algo escorado, foi ben tapado pola meta rival. Comezaban a aparecer espazos e o Celta B melloraba as súas prestacións en ataque, con numerosas ocasións non aproveitadas. A mellor, aos 30 minutos. Gran xogada de Jordan, con chapeu maxistral incluído e asistencia para Thaylor, que de novo se topou con Iván.

 

O infortunio chegou, con crueldade, aos 33 minutos. Centro sen perigo dese a dereita e gol en propia porta de Javi Rey. Xogada intranscendente, pero que supuxo o empate. E houbo máis. Aos 37 minutos, falta inexistente de Javi Rey e gol de lanzamento directo de Juan Fresno. Incrible. O empate negóuselles aos celestes no último minuto, cun cabezazo de Thaylor que repeleu o traveseiro.

 

FICHA TÉCNICA

1-Celta B: Óscar Santiago, Kevin, Goldar, Crespo (Javi Rey, min.60), Samu, Borja Domínguez (Omar Santana, min.83), Jordan, Julio Delgado, Luis Rioja, Thaylor e Borja Iglesias (Borja Fernández, min.73).

 

2-Tropezón: Iván, José Ángel, Estrada (Gimeno, min.63), Bustillo, Fuentevilla, Sergio Conde (Jiménez, min.73), Luis González (Ignacio González, min.63), Juan Fresno, Rafael Prado, Alejandro e Daniel Fernández

 

Goles: 1-0, min.22: Luis Rioja; 1-1, min.78: Javi Rey (propia puerta); 1-2, min.83: Juan Fresno

 

Árbitro: Román Román, do comité castelán leonés. Expulsou a Luis Rioja (min.93) e amonestou a Crespo, Javi Rey, Óscar Santiago, Samu, Luis González, Juan Fresno, Sergio Conde, Daniel Fernández, Gimeno

 

Campo: Barreiro, unos 800 espectadores.   

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas