Hemeroteca canteira

Lección maxistral de coraxe en Barreiro

RC Celta

CeltaB-Caudal_13-14.jpg

Calidade e entrega. Os canteiráns loitaron contra vento e marea para derrotar ao Caudal por 4 a 2

 

Bo primeiro tempo do filial, que asinou un primeiros corenta e cinco minutos incisivos en ataque e sobrios en defensa, salvo por algún pequeno descoido. Os mozos celestes teñen moita calidade e, con seriedade e concentración, poden desarmar a calquera opoñente.

 

Os canteiráns acapararon o balón desde moi pronto, con insistencia na procura dun gol que lles insuflara confianza. O xuvenil Samu tentábao no minuto 15, tras unha boa combinación de Borja Iglesias e Añón na área asturiana. Pouco despois chegou o primeiro gol. Moi bo desmarque de Borja Fernández, que recibiu unha excelente asistencia en profundidade que o deixou só ante o porteiro. O centrocampista olívico acertou na definición para adiantar aos celestes no marcador.

 

O Caudal non quedaría de brazos cruzados. Na súa primeira aproximación perigosa, o cadro asturiano golpeou aos vigueses. Borja recibiu, avanzou e cruzou o balón. Boa execución do dianteiro visitante, que foi capaz de superar a oposición da zaga céltica. Unhas molestias físicas de Goldar obrigaron a De Dios a realizar un temperán cambio. Pablo Pérez substituíu ao central.

 

As forzas igualáronse, pero foi o filial o que sacou réditos das súas ofensivas. De novo Borja Fernández, que a pase de Añón cabeceou por toda a escuadra. Ambos os conxuntos gozaron de ocasións para variar o marcador antes do descanso, pero a fortuna e o bo facer dos porteiros impediron que o electrónico se movese.

 

Os de De Dios mantiveron a compostura no segundo tempo, auque xa non se prodigaron tanto en ataque. Ao Caudal custáballe pisar área, mentres que os galegos mantíñanse sólidos atrás e agardaban pacientemente unha oportunidade para sentenciar o encontro.

 

Tentábao Borja Iglesias en varias ocasións, pero a sorpresa chegou por parte dos visitantes e a balón parado. Falta ao bordo da área celeste executada á perfección por Domenech. Rubén pouco puido facer para evitar o empate. Corría o minuto 70.

 

E dous minutos despois chegou a polémica. Cartón amarelo excesivamente rigorosa a Pablo Pérez, a segunda para o lateral destro. O filial quedaba con dez homes, xusto despois do empate rival. O banco e a bancada de Barreiro non daban crédito ao que acontecía. Ante o momento de tensión o colexiado optou por ‘repartir’ amarelas entre os celestes, incluída unha para o adestrador David de Deus.

 

Lonxe de vir abaixo, a expulsión de Pérez e a entrada de Thaylor ao terreo de xogo insuflaron de carácter e garra aos mozos canteiráns. O corpo técnico xogáballa con dous dianteiros centro a pesar de estar en inferioridade numérica. Esta valente decisión cobrou o maior dos sentidos no minuto 82, cando Thaylor cazou de primeiras un bo centro á área pequena.

 

O Celta B deu unha lección maxistral de entrega. Thaylor, moi enchufado desde que entrou en xogo, sentenciou o apaixonante encontro a falta dun minuto para o final do tempo regulamentario. Gran desmarque e perfecta definición ante o porteiro asturiano.

 

FICHA TÉCNICA

 

4-CELTA B: Rubén, Soto, Goldar (Pablo Pérez, min.26), Antón, Samu, Borja Domínguez, Borja Fernández, Yelko, Fernán (Marcos Torres, min.58), Añón (Thaylor, min.76) e Borja Iglesias

 

2-CAUDAL: Bielsa, Agudo, Jano, Nacho Fernández, Samuel, Landeira, Domenech (Sami, min.83), Nacho, Borja, Méndez (Rojas, min.72) e Míchel (Jorge, min.60)

 

Goles: Borja Fernández, 1-0 (min.17); Borja, 1-1 (min.24); Borja Fernández, 2-1 (min.28); Domenech, 2-2 (min.70); Thaylor, 3-2 (min.82); Thaylor, 4-2 (min. 89)

 

Árbitro: Díaz Cano, do colexio castelán-leonés. Amonestou a Soto, Borja Iglesias, Borja Domínguez e Nacho. Expulsou con dobre amarela a Pablo Pérez (min.73)

 

Campo: Barreiro (400 espectadores)

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas