Maxi Gómez alcanza os cuartos dun Mundial do que se despiden Aspas e Sisto

Sorte dispar para os internacionais celestes presentes no Mundial de Rusia. Iago Aspas e Sisto despedíronse do torneo en oitavos de final, eliminados en ambos os casos na quenda de penaltis tras empatar 1-1. O que si puido celebrar a clasificación a cuartos foi Maxi Gómez, que avanza con Uruguai e medirase a Francia na próxima eliminatoria.

Iago Aspas (España)

Inmerecido final para o canteirán celeste no Mundial. O de Moaña entrou ao partido ante Rusia no minuto 79, en substitución de Diego Costa e cun 1-1 no marcador. A súa presenza deu frescura ao ataque español, pero ‘La Roja’ non foi capaz de derrubar a muralla rusa no tempo regulamentario e tampouco na prórroga. A clasificación decidiuse nunha quenda de penaltis na que primeiro fallou Koke e despois Aspas. Rusia, sen penas máximas falladas, non necesitou lanzar a última.

Pione Sisto (Dinamarca)

O Croacia-Dinamarca tivo un guión similar ao do España-Rusia. O partido foise á prórroga con empate a uns e o electrónico non variou. Na quenda de penaltis, Croacia tivo máis acerto e clasificouse a cuartos de final. Pione Sisto accedeu ao céspede na segunda parte da prórroga.

Maxi Gómez (Uruguai)

Maxi gozou desde o banco a vitoria da súa selección ante Portugal. O combinado charrúa derrotou aos lusos por 2-1 e agora enfrontarase a Francia nos cuartos de final (venres 6, 16:00, Telecinco). O dianteiro céltico non gozou de minutos nesta ocasión.