Miguel Cardoso: «En Vallecas temos que rescatar a nosa idea de xogo»


Saídas. Todos os xogadores son importantes e contamos con todos. Están a adestrar moi ben e estou moi contento con eles. É normal que algúns que non están a xogar moito queiran facelo con máis asiduidade pero non hai ningunha saída prevista.

Mercado de fichaxes. Estamos abertos ao mercado e ás oportunidades que poida haber. Costas ten unha lesión que nun mes e medio como prazo máximo estará recuperado.

Junior Alonso. É un xogador que nos pediu saír se houbese unha oportunidade. Apareceu algo bo para él e fíxose a operación.

Importancia do partido ante o Rayo. Ante o Athletic non conseguimos ter algúns dos nosos valores sobre o campo e dificultounos ser fieis ao noso xogo. Non estivemos ben. Mañá seguro que estaremos dentro dos valores que queremos. Falamos das cousas que non fixemos ben e é o primeiro paso para mellorar.

Proximidade do descenso. É un partido importante nunha liga que é máis competitiva que nunca. É unha nova oportunidade de sumar puntos e subir na táboa.

Erros ante o Athletic. Canto máis lonxe esteamos do xogo que adestramos máis difícil resúltanos xogar ben. En LaLiga hai que ter a capacidade de ser moi intensos, de ser agresivos sen balón como fixemos ante o Huesca ou o Vilarreal. Contra o Athletic non xogamos o partido que queriamos. En Vallecas temos que rescatar a nosa idea de xogo.

Pione Sisto. O que pasou con Sisto fíxose máis grande do que realmente foi. Nalgúns momentos do partido ante o Athletic estabamos enfadados e o único que fixen foi esixir rapidez e responsabilidade para que os futbolistas que entren fágano para sumar. A miña reacción só é levar a enerxía ao campo.

Regreso de Fran Beltrán a Vallecas. Fran é un mozo moi novo cun nivel de madurez moi grande. Volve ao club no que se desenvolveu pero no fútbol profesional é algo moi común. É normal que lle poidan pitar, pero os pitos do rival cando xogamos é fóra significa que o estamos facendo ben.

Posición de Beltrán. Hai que comprender o que se lle pide aos xogadores que entran no terreo de xogo. A Beltrán non lle pedimos que fixese de Iago Aspas, senón que xogase entre liñas e conectase co resto de centrocampistas. Hai que comprender as funcións de cada xogador máis que o debuxo táctico.

Pouco tempo entre partidos. Non comprendo cómo fan a distribución de horarios, pero é malo non ter tempo para preparar o partido. Necesitamos dous días para facer unha recuperación óptima e a nosa preocupación foi esa esta semana.

Asistencia a Balaídos. Xogar o luns ás 21.00 horas, con frío, non axuda a que a xente veña ao estadio. É importante ter o campo cheo e sentir o apoio da afección, porque unha bancada chea pódeche meter no partido.