Mos asina o convenio para a realización do V Campus Fundación Celta-Rubén Blanco By Cabreiroá

A iniciativa deportiva foi presentada esta mañá no Concello de Mos pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e o director da Fundación Celta, Germán Arteta, coa presencia do presidente do Club Louro-Tameiga, Patricio Farrapeira

 Esta mañá levouse a cabo a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Mos e a Fundación Celta para a realización do V Campus Fundación Celta-Rubén Blanco by Cabreiroá. O acto de sinatura celebrouse ás 12.30 horas no salón de sesións do Concello de Mos coa asistencia de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Germán Arteta Torres, director da Fundación Celta, Patricio Farrapeira, presidente do Club Louro-Tameiga (en cuxo campo se realizará o campus), Baldomero Lorenzo, concelleiro de Deportes mosense, e o tamén edil, Luis Alonso.

O Campus desenvolverase do día 2 ó 6 de xullo no Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro-Tameiga. O horario de desenrolo deste campus de fútbol infantil será de 10.00 horas a 14.00 horas da mañá, cun descanso para comer algo e beber auga para hidratarse.

Ó inicio do campus os rapaces participantes (con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos) recibirán a equipación composta por calcetíns, pantalón e camiseta; así coma, ao remate do mesmo, un diploma acreditativo. Premiarase aos participantes máis destacados cun adestramento na Madroa xuntos cos nenos das Categorías Inferiores do Celta.

Os interesados en inscribirse poden facelo dende xa presencialmente no Concello de Mos e nas dependencias do Club Louro-Tameiga no Campo de Fútbol de Cototorrón, ou ben ‘on line’ na páxina web da Fundación Celta, www.fundacion.rccelta.es

O prazo de inscrición está xa aberto e rematará o 22 de xuño. Inicialmente estarán dispoñibles un total de 75 prazas, das cales as 60 primeiras contarán con subvención municipal. O prezo do campus para os 60 primeiros cativos en inscribirse que sexan de Mos e/ou para os que xoguen nos dous principais clubs deportivos de fútbol municipais, Union Deportiva Mos e Club Louro-Tameiga, será de 50 euros, xa que o Concello subvenciona unha parte, mentres que para os non empadoados nin xogadores de sendos clubs será de 130 euros (a non ser que sexan membros da Fundación, caso no cal pagarían 115 euros).

A metodoloxía que utilizan os monitores da Fundación Celta de Vigo neste Campus baséase no traballo de catro áreas fundamentais: coordinación, técnico-táctica, multideporte, e competición. O sistema para impartir a formación ós xogadores é rotativo, de xeito que ó longo da mañá tódolos cativos participantes no campus vaian pasando polas catro diferentes áreas de traballo.

Esta metodoloxía é a mesma que se emprega nas categorías inferiores do Real Club Celta. Ademais a formación especializada deste campus está impartida por adestradores da canteira do Real Club Celta.

Os pequenos participantes nesta iniciativa recibirán tamén ó longo da semana do campus charlas sobre os valores no deporte e como inculcarllos ós xoves deportistas, e nutrición e hábitos de alimentación saudables. Trátase pois dunha actividade perfectamente equilibrada entre o lúdico e o formativo sen deixar de lado a educación en valores. E é que mediante a celebración deste campus preténdese empregar a práctica deportiva entre os máis xoves como ferramenta transmisora de valores como son a solidariedade, creatividade, traballo en equipo, sacrificio, superación, respecto, humildade e compañeirismo.

Os obxectivos deste campus son, segundo explicou Nidia Arévalo, rexedora local mosense, “facilitar ós pais e nais mosenses a concienciación da vida familiar e laboral unha vez iniciadas as vacacións estivais dos máis pequenos, fomentar a práctica do deporte nas idades máis temperás, así coma educar ós cativos participantes en valores e promover hábitos alimenticios saudables e equilibrados”.