O adeus de Pape: “O Celta significa todo para min”

pape_cheikh_celta_balaidos_despedida_carne.jpg

 

Pape Cheikh despediuse este luns do RC Celta e o celtismo nunha emotiva rolda de prensa. O xa xogador do Olympique Lyonnais  regresou a Vigo para dicir adeus ao club no que se formou e co que creceu desde categorías inferiores ata a Primeira División. O canteirán céltico dedicou unhas cariñosas palabras a toda a familia celeste, reproducidas a continuación, e tras contestar as preguntas da prensa pousou no céspede de Balaídos co seu carné de abonado. Desde o RC Celta desexamos o maior dos éxitos a Pape Cheikh. Boa sorte pantera!

 

No 2013 cheguei ao Celta e o tempo pasou voando. Soñaba co fútbol e tiña moitas ilusións. Sentinme como en casa, coidáronme moito, preocupáronse por min e estiven moi protexido. É un día moi especial para min. Quero dar as grazas ao club por darme a oportunidade de despedirme da miña afección.

 

Teño moitos recordos bonitos, pero en especial quédome con estes dous: o primeiro foi cando debutei en Primeira División, contra o Espanyol en Balaídos, un recordo inesquecible. E o segundo momento foi cando marquei o meu primeiro gol en Primeira División, ao Granada.

 

Hoxe doulle as grazas a todas esas persoas que me axudaron a crecer como futbolista e como persoa. Á miña familia, ao club, aos seus dirixentes (en especial ao seu presidente, Carlos Mouriño), aos meus compañeiros, aos adestradores, aos traballadores e a unha afección que sempre me tratou con moito agarimo, por todo isto lévome a este club e a esta cidade no meu corazón.

 

Seguirei ao Celta desde Lyon como un celtista máis. Grazas por todo. ALA CELTA!

Leave a Reply

eleven + 4 =