O Celta B cae ante o Noja en Barreiro

celta_b_sporting_b_6414.jpg

Os celestes mereceron outro resultado, pero os postes evitaron que anotaran máis goles (2-3)

 

Con apenas tres minutos de xogo transcorridos, os celestes protagonizaron a primeira gran ocasión do encontro. Thaylor desfíxose con calidade da súa marcaxe e internouse na área rival. O dianteiro céltico asistiu a Borja Fernández, que rematou con potencia. Rafa detivo o esférico cunha gran parada.

 

Ao filial custáballe entrar no partido e o Noja replicó ao momento con maior contundencia. Os visitantes aproveitaron o descoido dos celestes para sacar rapidamente unha falta e deixar a Riki só ante Rubén. O atacante cántabro regateou ao porteiro e marcou a pracer o primeiro tanto do partido. O Celta B reaccionou ofrecendo maior determinación en ataque. Jordan tivo o gol do empate no minuto 8, pero de novo Rafa evitou que os vigueses materializasen a súa superioridade.

 

Os canteiráns lograron o merecido empate no minuto 38, cunha fermosa xogada asinada por Yelko. O mozo celeste controlou o esférico con gran calidade no centro do campo, desfíxose dos seus defensores cunha ruleta e saíu lanzado cara á portaría do Noja. Tras asociarse con Borja Iglesias, Yelko finalizou o ataque cun disparo raso que supuxo o tanto da igualada. O primeiro tempo pechouse cun claro penalti a Thaylor. O encargado de lanzalo foi Borja Iglesias, que enganou ao gardameta cántabro, pero atopouse co poste.

 

No segundo tempo os galegos mantiveron o dominio do esférico. Borja Fernández tentou anotar de vaselina ao pouco de arrincar a segunda parte, e case o consegue. O poste evitou de novo o gol olívico. Minutos despois Borja Iglesias disparou con potencia, o porteiro rexeitou e de novo o celeste rematou, con rabia, pero o balón marchouse fóra.

 

O Noja volveu sorprender cando menos perigo xeraban. De novo Riki, esta vez cun inesperado disparo alto desde a banda esquerda, anotou para os cántabros. Corría o minuto 72. Thaylor levou a alegría á bancada de Barreiro cinco minutos despois cun disparo raso tras desmarcarse con gran criterio, pero o Noja apenas tardou uns segundos en recuperar a súa vantaxe. Unha vez máis, Riki puxo o esférico no fondo da rede celeste. O partido finalizou cos canteiráns envorcados na área rival.

 

FICHA TÉCNICA

 

2-Celta B: Rubén, Pablo Pérez (Fernán, min.73), Soto, Pablo Crespo, Samu, Javi Rey, Borja Fernández (Aitor, min.70), Yelko Pino, Jordan (Antón, min.60), Thaylor e Borja Iglesias

 

3-Noja: Rafa, Fidalgo, Jairo (Míguez, min.82), Iñaki, Pablo Piquero, Sakamoto, Neny (Salas, min.73), Rubén García, Riki Navarro, Sylla e Riki Fernández

 

Goles: Riki Fernández, 0-1 (min.5); Yelko, 1-1 (min.38); Riki Fernández, 1-2 (min.72); Thaylor, 2-2 (min.77); Riki Fernández, 2-3 (min.78)

 

Árbitro: Jiménez Moreno, do colexio castelán manchego. Amonestou a Javi Rey, Yelko Pino, Rubén García

 

Campo: Barreiro, unos 300 espectadores

Leave a Reply

14 − 6 =