O Celta B estréase con vitoria no seu retorno á 2ªB

660x300-UDL_Vigo_B.jpg

Os celestes venceron 0-2 á UD Logroñés con goles de Mina e Añón

 

O Celta B regresou á Segunda División B da mellor forma posible, cunha clara vitoria por 0-2 nun campo complicado como o da UD Logroñés e un equipo cargado de mocidade. Os celestes víronse superados polo conxunto local no arranque do partido. A UD Logroñés impuña o seu xogo nos primeiros minutos, levando o perigo á área galega e pondo a proba a Rubén Blanco, que reaccionou ben ante unha clara ocasión de Goñi, a mellor do encontro ata ese momento.

 

A falta de efectividade do club rioxano pasoulle unha cara factura. Tras un aviso de Añón, que cabeceou a pelota preto da portaría, chegou o primeiro tanto do filial céltico. No minuto 26 saque de esquina de Yelko Pino que rematou Santi Mina de volea. O balón entrou por toda a escuadra, un auténtico golazo que adiantou aos galegos no marcador. Tan só seis minutos despois Añón culminou unha boa contra dos vigueses para colocar o 0-2 no electrónico das Gaunas.

 

A UD Logroñés víase agora desbordada polo Celta B. O cadro local só acertaba a inquietar a portaría celeste con disparos afastados e xogadas a balón parado. O primeiro tempo despediuse cunha falta botada por Goñi que despexou con acerto Rubén Blanco.

 

 

Tras a continuación o ritmo do encontro sufriu un descenso notable. O máis reseñable foi a actuación do gardameta céltico, que atallou ben as escasas ocasións das que dispuxo o rival. No minuto 70 unha boa xogada da UD Logroñés terminou con disparo de Goñi desde dentro da área. Rubén Blanco abortou unha vez máis a ocasión para manter o marcador de 0-2 intacto a favor do filial.

 

 

Boa estrea do Celta B no seu regreso á Segunda División B. O equipo de David De Dios superou o seu primeiro compromiso ligueiro e xa pensa na segunda xornada, na que se medirá ante o CD Ourense en Barreiro (domingo 1 de setembro).

 

FICHA TÉCNICA

 

 

0-UD LOGROÑÉS: Miguel, Ormazábal, Sergio Martínez, Gil, Zubiri, Moisés, Javi Rodríguez, Goñi (Barrón, min.86), Omar, Domínguez (Nando, min.58) e Ubis (Iñigo, min.58)

 

 

2-CELTA B: Rubén, Kevin, Maceira, Soto, Antón, Borja Fernández, Añón (Aitor, min.89), Borja Domínguez, Borja Iglesias (Thaylor, min.75), Yelko Pino e Santi Mina (Fernán, min.72)

 

Goles: 0-1, Santi Mina (min.26); 0-2, Añón (min.32)

 

Árbitro: Azpilikueta Saldias, do colexio vasco. Amonestou ao locais Ormazábal, Goñi, Moisés, Nando e Gil. Amonestou aos celestes Añón e Rubén Blanco

 

Campo: Las Gaunas (1.200 espectadores)

 

Fotografía: www.uniondeportivalogroñes.es

Leave a Reply

one × 1 =