O Celta B gaña potencia e velocidade co extremo Dani Vega

O RC Celta pechou a incorporación do extremo Dani Vega para o equipo filial. O futbolista emeritense, procedente do Real Valladolid B, será celeste as próximas dúas tempadas con outras tres opcionais.

Dani Vega (Mérida, 1997) é un extremo destro, aínda que tamén emprega a perna esquerda. Con capacidade para desenvolverse por ambas as bandas e mesmo como dianteiro ou segundo punta, Vega destaca pola súa potencia e rapidez. É un xogador vertical e con desequilibrio, ademais de solidario no traballo defensivo.

Con tan só 17 anos, sendo xuvenil de segundo ano, debutou en Segunda División B co filial blanquivioleta, co que disputou 106 partidos na categoría de bronce. O atacante estremeño tamén conta con minutos no primeiro equipo nas súas estatísticas, xa que disputou dous partidos copeiros co Real Valladolid.