O Celta B lévase de Mareo un botín moi inferior aos seus méritos (1-1)

O Celta B sumou un punto ante o Sporting B en Mareo que deixa un sabor amargo dado o caudal de fútbol e as innumerables ocasións dos celestes. O filial céltico púxose por diante mediada a primeira metade cun tanto de Sergio Bermejo e apenas cinco minutos despois o equipo local logrou o empate desde o punto de penalti.

O Celta B foi notablemente superior ao seu rival, en especial nunha segunda metade de dominio absoluto, cun fútbol dinámico e vertical que deixou un aluvión de ocasións para os celestes. Brillou o guardameta local, o mellor do seu equipo, ante un Celta B que non deixaba de empuxar e de xerar ocasións de gol. A cruceta, xa no tramo final do encontro, impediu a merecida vitoria celeste tras un espectacular remate do xuvenil Gabri desde a frontal.

Finalmente, un punto que sabe realmente a pouco e non reflicte o gran fútbol despregado en Mareo polo filial céltico.