Hemeroteca canteira

O Celta B lévase o derbi de filiais en Barreiro

RC Celta

celtab-deporb.jpg

Traballada vitoria ante o Deportivo B con goles de David Añón e Félix (2-1)

 

O Celta B levou o tres puntos no intenso derbi de filiais vivido en Barreiro. Os de Pichi Lucas xogaron un bo partido, serios e ordenados, aínda que nos últimos compases do envite as cousas puxéronse moi costa arriba ante un rival cunha gran calidade técnica.

 

O primeiro tanto celeste non tardou en chegar. Aos dez minutos de xogo Madinda enviou o balón á interior da área para que Maceira cabecease ao segundo pau. Alí esperaba David Añón, que enviou o balón ao fondo da portaría para pór o 1-0 no marcador.

 

O Deportivo B non era capaz de chegar á área céltica, mentres os vigueses xogaban o balón con paciencia, buscando sorprender con rápidas transicións. No minuto 22 Añón recolle o balón en banda esquerda e remata a porta. A defensa coruñesa chega a cortar a traxectoria do esférico, pero o rexeite chega ás botas de Félix, que ten suficiente tempo para armar a perna e bater por abaixo ao porteiro deportivista.

 

Os primeiros achegamentos do Deportivo B chegaron mediado o primeiro tempo. Dous contras dos visitantes a punto estiveron de terminar en gol, pero un acertado Rubén Branco evitou que a pelota terminase na rede da portaría olívica.

 

Eran os mellores minutos dos visitantes, que non renunciaban ao partido e loitaban por recortar distancias antes do descanso. Os primeiros 45 minutos chegaron ao seu fin co Celta B gañando de novo a posesión e achegándose con perigo á área rival.

 

O partido igualouse no segundo período. A pesar da maior posesión do filial céltico, o xogo concentrábase na zona de mediocampo e as forzas estaban niveladas entre ambos os conxuntos. Os esforzos do Deportivo B por pisar a área celeste veríanse recompensados no minuto 65. Un desaxuste na defensa local aproveitouno Insua que, tras unha gran cabalgada por banda, enviou o balón ao fondo da portaría defendida por Rubén.

 

O tanto deportivista outorgou maior emoción a un xa de seu apaixonante choque. As escasas ocasións repartíanse a partes iguais e tan só as imprecisións no ataque celeste e o gran acerto de Rubén Branco impedían a chegada de máis goles.

 

O Celta B acusou o cansazo nos últimos 15 minutos, nos que o Deportivo B comezou a asediar a área céltica. A defensa viguesa achicaba balón tras balón, frustrando non sen apuros as ofensivas coruñesas, cun gran Rubén Branco baixo paus.

 

A emoción non cesou até o último minuto, no que o colexiado anulou un tanto ao Deportivo B por fóra de xogo. Gran vitoria dos olívicos, que se sitúan a oito puntos do primeiro posto tras a derrota do Racing de Ferrol ante o Órdenes.

 

 

FICHA TÉCNICA

 

2-Celta B: Rubén, Víctor Vázquez, Soto, Maestre, Maceira, Antón, Madinda, Añón, Félix (Marcos Torres, min.69), Rubén Martínez (Santi Mina, min.64) e Camochu (Borja, min.80)

 

1-Deportivo B: Marc, Iván González, Uxío, Insua, Ángel, Sidibe, Lemos, Teles, Vela (Víctor, min.68), Romay e Cano (Luis, min.45)

 

Goles: 1-0, min.10 (David Añón); 2-0, min.22 (Félix); 2-1, min.65 (Insua)

 

Árbitro: Loira Rodríguez. Amonestó a Madinda, Ángel e Borja

 

Campo: Barreiro (1.500 espectadores)

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas