O Celta e a súa afección despídense da Copa coa cabeza alta

guidetti-110216

 

Os momentos, os detalles, as pequenas cousas que decantan un partido, unha eliminatoria, aliñáronse en contra dun Celta que, esporeado por unha afección magnífica, entusiasta, tentouno sen desmaio até o final. Os celestes, que realizaron un espléndido partido, acabaron empatando a dous goles, con tantos de Iago Aspas, pero non puideron achegarse a unha remontada que en moitos momentos pareceu posible.

 

O Celta saíu envorcado, intenso, voraz, pero coa paciencia necesaria para non caer na precipitación e sufrir á contra. O Sevilla meteuse atrás desde o inicio, con orde e buscando pausa. Defendía con todos no seu campo.

 

A solidez do Sevilla, a pausa que propuña, foi arrefriando aos celestes, que apenas lograron crear un par de ocasións na primeira media hora de xogo. A súa insistencia, a súa fe, tiveron recompensa aos 32 minutos cun gran pase de Iago Aspas a Orellana, quen penetrou, enviou ao segundo pau e o moañés rematou á rede para avivar a esperanza dun celtismo entregado.

 

Até o descanso, intentos estériles do Celta e perigo a balón parado do Sevilla.

 

No arranque da segunda metade, dúas ocasións clamorosas para o Celta que, de novo, non tivo fortuna na definición. Marcelo Díaz e, sobre todo Iago, estiveron a piques de marcar. O acoso celeste, nun campo alagado, era tremendo, como as ocasións perdidas.

 

Pero aos 11 minutos, Aspas cabeceou á rede un rexeite tras unha gran xogada e bo centro de Wass. A emoción crecía nun Balaídos entusiasmado. Pero un minuto despois, Banega marcou cun lanzamento cruzado tras un desaxuste defensivo. Tremendo pau.

 

Pouco despois, co partido tolo, penalti a Guidetti con vermella de libro ao porteiro convertida en amarela. Guidetti lanzou á madeira desde o once metros. A eliminatoria escapábaselle ao Celta de maneira definitiva entre unha dolorosa onda de infortunio.

 

Os celestes seguiron empuxando, tentándoo, xa asumindo grandes riscos.

 

FICHA TÉCNICA

2-RC Celta: Rubén, Wass (Jonny, min.65), Hugo Mallo, Sergi Gómez, Planas, Marcelo Díaz (Radoja, min.68), Pablo Hernández, Iago Aspas, Orellana, Bongonda e Guidetti (Señé, min.71)

 

1-Sevilla FC: Sergio Rico, Carriço (Cristóforo, min.63), Ramí, Kolodziejczak, Koke, Escudero, Iborra (N´Zonzi, min.56), Banega (Konoplyanka, min.71), Vitolo, Kronh-Dehli e Gameiro

 

Goles: 1-0, min.32; Iago Aspas; 2-0, min.55: Iago Aspas, min.56: Banega; 2-2, min.87: Konoplyanka

 

Árbitro: Martínez Munuera, do comité valenciano. Amonestó a Planas, Pablo Hernández, Sergio Rico

 

Campo: Balaídos, 15.201 espectadores

Leave a Reply

10 + 6 =