O Celta Infantil B pon rumbo á U13 Intercontinental Football Cup

O Celta Infantil B partiu este martes desde A Madroa cara á cidade emiratí de Dubai, onde participará do 22 ao 24 de febreiro na U13 Intercontinental Football Cup, un torneo internacional de máximo nivel no que se poderá gozar dalgúns dos proxectos de fútbol base máis potentes do planeta. Liverpool, Juventus, Real Madrid ou Barcelona, son algúns dos clubs punteiros que, xunto ao Celta, participarán neste gran evento futbolístico.

Encadrados no grupo D da competición, os celestes xogarán o xoves contra a Canadian Academy of Football e o Al Ahly-Egypt e o venres pecharán a fase de grupos ante o Al-Nassr FC. As roldas finais do torneo terán lugar o sábado.

A International Cup de Dubai é un torneo fundado e impulsado polo canteirán e ex xogador celeste Míchel Salgado.