O celtismo descobre o novo autobús do RC Celta nas rúas de Vigo

A contorna de A Laxe e o Náutico de Vigo encheuse de celtismo este martes coa posta de longo do novo autobús do RC Celta para a tempada 2018/19. Xogadores e afección tiveron a oportunidade de descubrir por fóra e por dentro o novo vehículo, que ofrece unhas prestacións moi superiores ao anterior modelo que utilizaba o equipo vigués.

Ao acto acudiron os futbolistas Emre Mor, David Juncà, Rubén Branco, David Costas e Claudio Beauvue; ademais do presidente celeste Carlos Mouriño e o seu homólogo de Monbús, Raúl López. Os celtistas que acudiron ao evento puideron compartir un intre agradable cos xogadores, fotografarse con eles e coñecer o interior do autobús.

O novo autocar, de 14 metros de lonxitude, conta cos sistemas de seguridade máis actuais do mercado, ademais de elementos de confort de primeira categoría como WiFi, teito panorámico, zona office con neveira e cafetera, conexións USB, un amplo cuarto de baño, butacas reclinables con desprazamento lateral e repousapés…