O celtismo vivirá unha espectacular previa de ‘o noso derbi’ en A Sede

A Sede vivirá unha xornada especial este sábado con motivo da disputa de ‘o noso derbi’, un partido diferente e cargado de emotividade, que sen dúbida se repetirá en Primeira División nun curto espazo de tempo, e no que o Celta buscará a vitoria ante a súa afección para apurar as súas opcións de acceder á Europa League.

O RC Celta propón diversas actividades e eventos para que os afeccionados poidan gozar na tenda do club e Gambeta Gastrobar dunha mañá diferente co derbi e o celtismo como grandes protagonistas.

A partir das 12.00 e ata as 14.00 horas, a tenda celeste e Gambeta acollen unha sesión vermú da man de Petroni, marca de referencia neste sector, nun ambiente envorcado en ‘o noso derbi’, con imaxes de partidos entre RC Celta e Deportivo no videowall e unha música especial. O celtismo poderá desta maneira vivir unido e no sempre especial halo dos derbis as horas previas á disputa do encontro que comeza ás 18.30 horas en Balaídos.

De maneira paralela, o Salón Regio, coa colaboración de Abanca, acollerá a partir das 10.00 e ata as 14.00 horas diversas actividades para os máis pequenos. Neste singular espazo, dunha gran beleza, haberá inchables, espectáculos, pinta caras, globoflexia, manualidades… para que os nenos gocen dunha mañá inesquecible.

Os afeccionados poderán ademais vivir a partir das 9.30 horas a maxia da radio en directo na tenda celeste. A Radio Galega emitirá desde a tenda do RC Celta o programa ‘Somos quen’, dedicado a ‘o noso derbi’, con diversos protagonistas do club, do Celta Zorka e da afección.