O filial ‘regala’ un partidazo á afección de Barreiro

celtab-udlogrones_3-0_1314.jpg

Exhibición dos canteiráns, superiores en todo momento a unha impotente UD Logroñés (4-0)

 

Enorme partido do Celta B en Barreiro, que estreou o ano cunha contundente vitoria ante a UD Logroñés. Os visitantes víronse superados en todo momento por un filial céltico en estado de graza que combinou intensidade e efectividade cun ritmo de xogo moi elevado durante os noventa minutos.

 

David de Diosd introduciu algúns cambios na súa aliñación ante a UD Logroñés, como Antón na posición de mediocentro ou a titularidade de Thaylor, referencia do ataque vigués.

 

As novidades funcionaron ben desde o inicio do encontro. Intensidade, posesión do balón e, ao tres minutos, o primeiro gol da mañá. Antón de Vicente recibiu na frontal da área e, tras acomodar a pelota, marcou axustado ao poste esquerdo de Sergio López. Bo tanto do futbolista vigués.

 

Apoiados pola solvencia da liña defensiva, o filial celeste non aminorou a marcha. A insistencia dos canteiráns célticos tivo de novo a súa recompensa. No minuto 10 Aitor recuperou e asistiu a Thaylor, que tras un bo movemento bateu por baixo ao porteiro rival. O vendaval olívico excedía aos rioxanos, incapaces de inquedar a portería defendida por Rubén Blanco.

 

As ocasións seguiron estando nas botas locais. No minuto 15 ata tres xogadores célticos remataron de forma consecutiva na área rival, pero a fortuna acompañou nesta ocasión aos defensores da UD Logroñés e lograron resolver a situación. Non ocorreu o mesmo no minuto 28. Fallo do porteiro e o seu defensa no despexe do balón, que acabou rematando Aitor a porta baleira. Terceiro tanto dos de De Dios, que traducían en dianas a súa esmagadora superioridade.

 

O Celta B comezou o segundo tempo cun ritmo de xogo inferior, aproveitando a súa folgada renda de goles. Os celestes apostaron por controlar o partido e buscar o cuarto gol á contra. A UD Logroñés logrou aproximarse algo máis á área local, pero continuaron sen xerar ocasións evidentes de gol. Pasado o minuto 50, Rubén Blanco realizou a súa primeira intervención ao despexar un disparo afastado.

 

Conforme avanzou a segunda parte o filial volveu mostrarse máis incisivo na parcela ofensiva, froito da confianza que achegaba o bo traballo defensivo dos celestes e a pobre actuación dos rioxanos, incapaces de reaccionar. A partir do minuto 80 o Celta B puido aumentar a súa conta goleadora en numerosas ocasións. Tentárono Antón, Borja Iglesias, Yelko Pino… O cuarto gol parecía inminente, pero o porteiro da UD Logroñés atrasaba o inevitable con algo de fortuna.

 

Por fin no minuto 85 chegou o 4-0. Saque de esquina que Goldar cabeceou con autoridade ao fondo da portaría de Sergio López. Gran encontro dos canteiráns, que ofreceron un espectáculo sobresaliente en todas as parcelas do xogo.

 

FICHA TÉCNICA

 

4-CELTA B: Rubén, Kevin, Soto, Goldar, Maceira, Antón, Javi Rey, Borja Fernández (Yelko Pino, min.75), Aitor (Marcos Torres, min.64), Añón e Thaylor (Borja Iglesias, min.69)

 

0-U.D. LOGROÑÉS: Sergio López, Ormazabal, Sergio Martínez, Gil, Herreros, Nando (Moisés, min.74), Javi Rodríguez, Pascual (Ubis, min.55), Iriarte (Omar, min.71), Ibai e Jaime Moreno

 

Goles: Antón, 1-0 (min.3); Thaylor, 2-0 (min.10); Aitor, 3-0 (min.28), Goldar, 4-0 (min.85)

 

Árbitro: Areces Franco, do comité asturiano. Amonestou a Goldar, Sergio Martínez, Gil, Borja Fernández, Herreros

 

Foto: Marta Grande

Campo: Barreiro

Leave a Reply

five − 4 =